A Coruña recoñece cos Premios Prismas as mellores contribucións á comunicación científico-tecnolóxica

martes, 18 de novembro do 2025 S. P.

O Palacio Municipal de María Pita acolleu o pasado sábado o acto de entrega aos proxectos galardoados nos XXXVIII Premios Prismas, entre os que houbo espazo para youtubers orientados á divulgación científica no mundo dixital. A cita encadrouse no programa da Semana da Ciencia 2025. Os premios foron convocados polo Concello a través dos Museos Científicos Coruñeses.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, lembrou que os traballos premiados nesta edición abordaron temas de actualidade relacionados co medio ambiente e os recursos naturais, e valorou os enfoques presentados á convocatoria, apuntando á importancia que ten a divulgación científica "á hora de concienciar ao conxunto da cidadanía no contexto actual, mais tamén para concienciar ás futuras xeracións, porque serán elas as que asumirán o legado que nós lle deixemos", indicou.
O certame deste ano premiou cun Prisma de Bronce os mellores traballos en oito categorías: Vídeo, Novo Medio, Libro Editado, Artigo Xornalístico, Radio, Proxecto Singular, Proxecto de Divulgación Científica sobre a auga no medio urbano e Prisma Especial do Xurado. Ademais, todas as modalidades, excepto a de Libro Editado e a de Prisma Especial do Xurado, recibiron un premio de 4.000 euros.
Os enfoques desta edición son moi visibles no caso do artigo xornalístico, que fala sobre a contaminación por microplásticos, o traballo en vídeo, que describe o papel das gaivotas nos ecosistemas, ou o traballo gañador na categoría que foi novidade neste ano, a de proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano, cunha presentación que expón a importancia da xestión e consumo de auga e o seu impacto sobre a contorna.
Tamén resultaron galardoados traballos que desenvolven a divulgación da ciencia en consonancia coa inclusión ou a igualdade, como ocorre co Prisma ao mellor proxecto singular, que empregando novas tecnoloxías ofrece contidos a persoas maiores ou en situación de dependencia. Finalmente, o Prisma Especial do Xurado recoñeceu a unha institución pública, o Instituto de Astrofísica de Andalucía, cunha extensa traxectoria na divulgación científica “que se caracteriza pola innovación nos formatos e a calidade dos seus contidos”.
Prismas de Bronce 2025
• Mellor Traballo en Vídeo: Querida gaivota maldita!, de Manuel Pedrosa Sánchez e Mariam Marino Casal, por reivindicar o papel das gaivotas nos nosos ecosistemas costeiros a través dunha coidada produción audiovisual. O documental aborda a situación da gaivota patiamarela no Parque Nacional Illas Atlánticas.
• Mellor Traballo en Novos Medios: Reacciona Explota, canle de Youtube de Aythami Soto Rodríguez, por espertar o asombro narrando con profundidade aspectos pouco coñecidos da ciencia. Os seus contidos achegan diferentes aspectos da química para coñecer, por exemplo, que é e como funciona a pólvora, ou como facer luz líquida.
• Mellor Proxecto de Divulgación Científica sobre a auga no medio urbano: Agua clara, de Stéphanie Aparicio Antón, por “presentar con claridade e sentido do humor cuestións esenciais sobre a xestión e o consumo de auga”.
• Mellor Artigo Xornalístico: Rodeados de microplásticos: la contaminación minúscula que bebemos, comemos y respiramos, de Clemente Álvarez e Laura Navarro, publicado en El País, por “presentar un tema relevante con mirada ampla e solidez gráfica e narrativa”.
• Mellor Traballo en Radio: ¿Por qué andamos con dos piernas?, de Xaviera Torres e Raquel Martín Alonso, para RTVE, en palabras do xurado “un programa luminoso que partindo da curiosidade infantil chega a todos os públicos”.
• Mellor Proxecto Singular: Més que ciència, de Daniel Amatller, por combinar as novas tecnoloxías e a calidez da atención personalizada para levar a divulgación científica ás persoas maiores ou en situación de dependencia.
• Mellor Libro Editado: ¿Por qué soñamos? Y otras grandes preguntas sobre dormir y el sueño, de Pablo José Barrecheguren Manero, en Plataforma Editorial, por “contar de forma rigorosa e amena a importancia do sono e dos soños”.
Ademais, o xurado decidiu outorgarlle o Prisma Especial do Xurado ao Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), por “un sólido proxecto de comunicación científica caracterizado pola calidade e a audacia na exploración de novos formatos”.
Concedéronse dúas mencións de honra:
• Mención honorífica na categoría de artigo xornalístico para Él darrer alè del mar d’’Áral, de Laura Carrau Pascual e Rafael Marcé Romero, publicado en Revista Mètode, por desvelar as consecuencias globais dunha catástrofe ambiental causada pola acción humana.
• Mención honorífica na categoría de proxecto singular para Hypatia II: abriendo el espacio a la mujer, da Associació Hypatia Mars, por promover referentes femininos na ciencia e na exploración espacial.
O xurado dos Premios Prismas presidiuno o paleontólogo e museógrafo Luis Alcalá; acompañado por Mónica Salomone, xornalista científica e directora de comunicación do CNIO; Silbia López de Lacalle, xornalista e divulgadora científica; Sergio Rodríguez Roiloa, profesor da Área de Ecoloxía na Universidade da Coruña e director da Cátedra Emalcsa-UDC; e Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, que exerceu como secretario do xurado.