A Coruña porá en marcha o luns a súa nova aplicación de xestión tributaria

mércores, 6 de xullo do 2016 Redacción

Eugenia Vieito, concelleira de Facenda, nunha imaxe de arquivo

O Concello da Coruña porá en marcha o vindeiro luns a súa nova aplicación informática de xestión e recadación tributaria, motivo polo cal ficará pechada ao longo de toda a xornada a Caixa Municipal (non será posíbel emitir liquidación ou autoliquidación soportodas pola infraestrutura informática, aínda que si poderán pagarase documentos de ingreso emitidos previamente empregando as sucursais físicas ou dixitais dos bancos asociados ou os cartóns bancarios mediante a app do Concello da Coruña). Segundo avanza o Goberno local, a implantación deste sistema permitirá ampliar as opcións do Plan de Pago Personalizado 2017 e, nun plano máis concreto, posibilitará cousas como a ampliación da modalidade de pago fraccionado a todas as taxas de vencemento periódico, amais de achegar a opción de facer o abono en dous, tres, catro, cinco ou seis prazos.
Segundo amplía o Concello, “a nova aplicación informática mellorará de maneira substancial a actualización da xestión tributaria e, ademais, servirá para poder aplicar na súa totalidade en 2017 todas as opcións de pago personalizado de tributos que se establecen na ordenanza xeral de recadación que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro”.
O obxectivo deste Plan de Pago Personalizado é, de feito, facilitar o pagamento aos contribuíntes “para que poidan axustar o ritmo de pago as súas dispoñibilidades, en especial ás familias e persoas con dificultades económicas e, ao mesmo tempo dar periodicidade aos ingresos do Concello", sinalou a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, que avanzou que o ano vindeiro, xa coa integración total da dita ferramenta, esta nova forma de pago poderase ampliar ao resto de gravames de vencemento periódico, como son o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e as taxas de lixo e vados.

PUBLICIDADE