A Coruña estrea unha aplicación de balde que permite aboar o bus co móbil: a Milennium Próxima

xoves, 6 de outubro do 2022 S. P.

O Concello da Coruña activou este xoves 6 de outubro a aplicación Millennium Próxima, que permite, entre outras funcionalidades, aboar o bus urbano co teléfono móbil. A ferramenta foi presentada pola alcaldesa Inés Rey, que salientou que é cen por cen de balde e que ten a gran vantaxe de liberar aos usuarios e usuarias da antiga tarxeta. A aplicación foi probada pola rexedora a bordo dun bus urbano en Portal Real.
Rey estivo acompañada polo voceiro do Goberno municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, e o director da Compañía de Tranvías, Ignacio Prada.
Segundo dixo alcaldesa, trátase dunha ferramenta ao alcance de todas e todos: “Calquera usuario pode descargala a través de Play Store e darse de alta na tarifa xeral sen facer ningún trámite”. Para complementar o lanzamento, o Concello reforzará a información sobre o novo servizo a través das oficinas dos rexistros, do 010 e na propia estación, e tamén porá en marcha unha campaña divulgativa con códigos QR para que calquera poida descargar o programa do xeito máis sinxelo.
A aplicación, indicou Rey, “ten vocación de substituír na súa maior parte ás vellas tarxetas Millennium, que seguirán en uso e poderá dispoñer delas todo aquel que non desexe empregar a aplicación”, mais recalcou que “a aplicación mellora de xeito notábel o servizo ao evitar o deterioro que teñen os vellos dispositivos que obrigaban aos usuarios e usuarias a acudir cada certo tempo á estación de autobuses para substituílos”.
O novo servizo permitirá tamén evitar a dependencia do subministro de tarxetas e aforrará aos usuarios o pagamento para substituílas cando se perden ou fallan, dixo a rexedora, engadindo que a Millennium Próxima está dispoñíbel para móbiles con sistema operativo Android e que dispoñan do sistema NFC, é dicir, a inmensa da maioría dos móbiles que empregan ese sistema.
O Concello está a traballar en ofrecer unha alternativa para os usuarios de móbiles de Apple, xa que o sistema iOS que emprega esta última compañía non permite o emprego do novo método de pagamento. En todo caso, estímase que máis do 80 % dos cidadáns dispoñen de móbiles Android.

PUBLICIDADE