A Coruña engade unha sala maker á Domus

mércores, 4 de novembro do 2015 Redacción

Facer tecnoloxía coas propias mans é o leitmotiv do espazo Maker@Domus que se vén de inaugurar na Coruña da man do alcalde da cidade Xulio Ferreiro e o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande. Segundo apuntou o rexedor, con esta nova póla no tronco da Domus (inserida na rede de Museos Científicos da Coruña), a Domus foi quen de aliñarse cos museos científicos internacionais. Dende o emprazamento acabado de inaugurar fomentarase tamén o traballo cooperativo e de rede. E indo ao espazo en cuestión, a sala conta con varias contornas: unha para realizar actividades de grupo, outra para celebrar actividades formativas, unha terceira para tarefas propias de maker e dous espazos tipo fab-lab, para traballos tipo obradoiro (cortadoras láser e tornos). Cómpre subliñar que a sala é totalmente configurábel, podendo adaptar os espazos ás distintas actividades así como a eventos máis multitudinarios.
Para a concepción e desenvolvemento do espazo, a Domus colabora co Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, pioneiros a nivel mundial na posta en marcha dun espazo maker inserido nun centro de ciencia e un referente en educación STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas).
En canto a obxectivos e funcionalidades da sala, Ángel Loureiro (xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses) explicounos: “Ten unha primeira parte de traballos en grupo, onde se farán obradoiros clasificados por idades. Algúns son eléctricos, incluso con temas de robótica. Tamén hai unha zona para profesores que queiran formarse e non teñan acceso a medios. A zona maker en si mesma, na que se levarán a cabo os labores de fabricación está dotada con impresoras 3D, software con código aberto…”, explicou, ao que engadiu: “A nosa idea é abrilo todo ao público. O que queremos é que a xente cree os seus produtos, e que á vez concienciemos aos e ás rapazas da importancia do respecto ao medio ambiente e a sostibilidade. Queremos tocar moitos temas de maneira transversal”.
Durante o curso escolar, unha das principais actividades que acollerá a sala serán os obradoiros para grupos escolares. Ofreceranse dous, para escolares de entre 6 e 14 anos de idade, previa reserva. O primeiro, circuitos@domus, para experimentar con baterías, lámpadas, timbres, interruptores, e moitos outros compoñentes eléctricos e para comezar a comprender o mundo da electricidade. Será os martes, de 11.00 horas a 12.30 horas e está encamiñado a alumnado de Primaria e ESO. O segundo obradoiro denomínase robots pintores@domus. Desenvolverase no mesmo horario e nel os e as alumnas crearán o seu propio dispositivo a motor.
Alén disto, estanse a levar a cabo dúas actividades nesta sala, que teñen xa cubertas todas as súas prazas: O Club Tecnolóxico e os Talleres Robotix. O primeiro celébrase unha vez á semana ao longo dun trimestre. Os e as participantes realizan un itinerario de aprendizaxe na área da robótica educativa, pasando por diversas contornas de aprendizaxe e ferramentas dixitais. No segundo, nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, introdúcense de maneira divertida na robótica, creando e traballando en equipo. No obradoiro, impartido por Robotix (socio certificado de Lego Education), experimentan coa forza e o movemento, o equilibrio e a estabilidade aprendendo ciencia e tecnoloxía de xeito lúdico.

PUBLICIDADE