A Coruña contará con acceso sen fíos á Rede nos principais espazos da cidade

venres, 16 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña tamén aposta pola tecnoloxía sen fíos de acceso á Rede e, en breve, será posible acceder a ela dende puntos de conexión situados sobre todo en espazos concorridos. Así polo menos vén de anuncialo estes días pasados o alcalde, Javier Losada, quen considera importante para a cidade dotala de rede sen fíos nas principais rúas e prazas. As rendas do proxecto serán levadas polo departamento de Informática do Concello, e a praza de María Pita será probablemente o lugar elixido para pór en marcha a experiencia a un nivel máis amplo.
Segundo sinalou o alcalde, a rede será de balde e xa está operativa no Fórum, na biblioteca da Sagrada Familia, no Palacio Municipal e (tamén) no campus universitario. Con este proxecto, A Coruña converteríase nunha das primeiras cidades de todo o estado español en apostar deste xeito pola tecnoloxía sen fíos en réxime aberto e público.

PUBLICIDADE