A Coruña celebra o 20º aniversario de Pokémon o vindeiro sábado

martes, 23 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro sábado de 17:00 a 21:00 horas na Cafetería-Libraría TARDIS a asociación Movemento Xove organiza o Pokémon Day para celebrar o 20º aniversario da popular franquía de videoxogos, nunha xornada na que agardan xuntar a numerosos seareiros desta marca que conseguiu transcender o ámbito do lecer electrónico, trunfando tamén no audiovisual e converténdose en todo un referente da cultura popular para toda unha xeración.
O evento comezará ás 17:30 horas coa recepción de adestradores Pokémon, que poderán ver a partires das 18:00 horas o filme Mewtwo vs. Mew. Xa ás 19:30 horas desenvolverase unha charla-debate sobre o antes e despois da popular franquía e, finalmente, ás 20:00 horas iniciarase o freeplay, os combates, os intercambios e todas as actividades propias dos xogos de Pokémon que tanto marcaron aos que medraron na década dos 90.
Cómpre lembrar que o propio sábado tamén será cando Nintendo lance na eShop os xogos Vermello, Azul e Amarelo do Pokémon de Game Boy, que poden así xogarse en modernas consolas Nintendo 3DS, polo que dende Movemento Xove animan aos que se fagan con algún destes xogos dixitais que acudan coa súa consola portátil ao encontro para poder combater e intercambiar Pokémons co resto de adestradores revivindo así a súa infancia.

PUBLICIDADE