A Coruña acolle un novo torneo de Pokémon XY

mércores, 8 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Os afeccionados aos videoxogos de Pokémon teñen unha nova oportunidade para baterse con outros xogadores na cidade da Coruña o vindeiro día 18, xa que a Asociación Mangalego convoca un novo Torneo Pokémon XY no Centro Cívico de Monelos, comezando a inscrición ás 16:30 horas e o torneo ás 17:15 horas como moi tarde, sendo a actividade de balde para socios de Mangalego e custando 3 euros para o resto de inscritos.
O gañador deste torneo farase cunha copia do futuro Pokémon Alfa Zafiro ou Pokémon Omega Rubí (a elixir), que entregarase en canto o xogo saia á venda (a finais do mes que vén). No caso de contar cunha grande afluencia de competidores, contemplarase a posibilidade de entregar tamén premio ao segundo clasificado.
A modalidade de torneo decidirase en función do número de participantes (Liga, Suízo, Liguilla+Eliminatorio, Eliminatorio) e o regulamento da competición xa está publicado nos foros en liña da Asociación Cultural Mangalego.

PUBLICIDADE