A Coruña, á fronte das provincias que máis usan apps para a xestión da mobilidade

venres, 16 de decembro do 2016 Redacción

Ao abeiro do Foro de Mobilidade promovido pola compañía Alphabet vénse de desenvolver a terceira Radiografía dos hábitos de mobilidade dos españois. Neste estudo, entre outras moitas cousas, os galegos saímos especialmente ben parados en materia de emprego de aplicacións móbiles para a xestión da mobilidade. Máis polo miúdo os coruñeses, que cunha máis que salientable taxa do 50% están a nivel estatal entre os que máis ferramentas móbiles empregan para o devandito tipo de xestión: un de cada dous. Ademais a investigación sinala que o 57% dos condutores da dita provincia galega cren que o coche eléctrico é a solución ideal para a mobilidade urbana e ao 84% gustaríalles utilizalo, aínda que nunca o fixeron.
Por outra banda, preto de 1 cada catro condutores coruñeses emprega o móbil ao volante, situándose por debaixo do promedio estatal. Máis polo miúdo o 28%, sendo a media española do 30%. Polo que atinxe ás metodoloxías empregadas para tirar proveito do móbil ao volante, o 87% asegura usar os mans ceibes. Porén, o 9%, sobre todo os máis novos, recoñece utilizalo para facer chamadas e enviar mensaxes de Whatsapp.
Ademais, os responsables da investigación informan que máis do 52% dos enquisados coruñeses utilizan aplicacións telemáticas para evitar atoamentos, aforrar combustible ou aumentar a súa seguridade. A maiores, como dixemos, a metade dos participantes no estudo afirma empregar decote aplicacións móbiles para a xestión da súa mobilidade como Coruña Smart City, Cabify, PideTaxi, etc. A cifra máis alta das cidades enquisadas; por enriba da media (un 32%) é da de Madrid, cun 43%.