A Consola Virtual da Wii recupera o clásico Super Hang-On

venres, 4 de maio do 2012 Marcus Fernández

Os xogos descargables están cada mes máis de actualidade, pero tamén os vellos títulos queren facerse un oco dentro de tal oferta de contidos dixitais, destacando esta semana un clásico de SEGA, o xogo Super Hang-On, que xa está dispoñible para a consola virtual da Wii, de xeito que os usuarios da consola doméstica de Nintendo poderán gozar do clásico para máquinas recreativas lanzado en 1987 por 900 Wii Points.
O famoso xogo de carreiras de motocicletas conta con 48 circuítos repartidos en 4 continentes e no seu lanzamento inicial destacara por instalarse nunha recreativa que simulaba ser unha motocicleta real, controlándose mediante un guiador, servindo de inspiración para outro xogo semellante na época, Enduro Racer.
Pero non é o único xogo de SEGA que vai estar dispoñible na Consola Virtual, senón que o vindeiro día 10 tamén desembarcarán nesta plataforma de descargas da Wii o carismático Wonder Boy in Monster Land e outro título da mesma franquía que nunca saíra do Xapón: Monster World IV (que foi un dos primeiros xogos en contar cunha protagonista feminina).

A saga de Wonder Boy é unha das máis representativas da segunda metade dos anos 80
O xogo inédito en Europa Monster World IV foi dos primeiros en contar cunha protagonista feminina

PUBLICIDADE