A Comisión Europea sanciona a 4 fabricantes de electrónica de consumo por forzar prezos mínimos

martes, 24 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A comisaria europea de Competencia, Margrethe Vestager, deu conta hoxe de sancións por un valor total de 111 millóns de euros ás compañías Asus, Denon & Maratz, Philips e Pioneer por impor prezos para os seus produtos ás tendas en liña europeas, atentando así á libre competencia. Os fabricantes de electrónica de consumo terían ameazado aos vendedores a través da Rede con sancións e incluso o cese da distribución dos seus produtos se non cumprían coa política de prezos imposta, o que tería un impacto xeral nos prezos dos produtos de electrónica de consumo, prexudicando aos consumidores ao manter artificialmente uns prezos elevados).
En particular a taiwanesa Asus estaría a vixiar os prezos de venda de produtos informáticos como monitores e ordenadores portátiles, constatándose a súa política anticompetitiva en Alemaña e Francia entre 2011 e 2014, para evitar que as tendas en liña comercializasen os seus produtos por debaixo dun prezo recomendado, o que valeulle unha sanción de 63.522.000 euros.
A xaponesa Denon & Marantz tería cometido infraccións en produtos de consumo de audio e vídeo en Alemaña e Países Baixos entre 2011 e 2015, de xeito que terá que afrontar unha multa de 7.719.000 euros.
A neerlandesa Philips tería obrigado a manter prezos mínimos en Francia entre 2011 e 2013 a un amplo abano de dispositivos (dende cafeteiras e aspiradoras até sistemas de cine en casa) polo que fixouse unha sanción de 29.828.000 euros.
E, finalmente, a xaponesa Pioneer terá que pagar 10.173.000 euros por procurar fixar prezos e impedir as vendas a outros países da Unión Europea entre 2011 e 2013 en até unha ducia de países (entre os que figura España).
Con este tipo de sancións a Comisión Europea quere deixar claro que están en contra de prácticas que limiten ou distorsionen a competencia dentro do mercado comunitario, que ten que comportarse de xeito único, facilitando así a escolla por parte dos consumidores e a competencia entre as empresas dos distintos países da Unión.

PUBLICIDADE