A CiberIrmande da Fala cumpre dez anos gardándolle as costas ó galego na Rede

luns, 9 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Dez anos pode parecer pouco tempo, pero en cuestións de Internet e de tecnoloxía en xeral, onde é interminable a listaxe de proxectos que semellan correr con moita forza para logo quedar no esquecemento, é todo un exemplo de supervivencia teimuda. E de teimosía e de compromiso co galego é, precisamente, do que se abasteceu a CiberIrmandade da Fala, que vén de cumprir unha década de traballo defendendo e reivindicando o emprego da nosa lingua na Rede e traducindo aplicacións informáticas varias.
O contexto no que naceu este colectivo foi o seguinte: unha Rede, a de 1996, á que moi poucos tiñan acceso, con preto de 300 webs galegas e unha longa listaxe de ideas e proxectos tecnolóxicos que logo foron quedando polo camiño. A partir de aí, no caso da CiberIrmandade, todo foi loita e máis e-mobilizacións e e-convocatorias, e incluso houbo momentos nos que se cadra a liña que marcaba a actividade de dita comunidade era unha liña recta ou costa abaixo. Sexa como sexa, o compromiso co galego impúxose a calquera situación de “coma profundo”, e aí a temos, á CiberIrmandade, activa tras dez anos de achegar explicacións de porqué a nosa lingua debe estar na Rede (isto pode acabar con calquera, en realidade), e agasallándonos na súa páxina web cun percorrido por esta década de ciber-historia. Que sexan moitos séculos máis.

PUBLICIDADE