A CiberIrmandade pídelle á academia para opositores Cefiasa a versión galega da súa web

luns, 4 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

Calquera entidade que opere dende Galicia e que teña que tratar con cidadáns que falan o galego ten a obriga de, cando menos, familiarizarse coa lingua e favorecer o contacto con ela. Isto que é aplicable á vida real, tamén o é á virtual, onde a riqueza idiomática corre serios riscos de acabar asolagada por dúas ou tres linguas dominantes.
Apostar polo galego (sen deixar de apostar por calquera outra lingua) non lle resta valor á nosa iniciativa empresarial ou pública, máis ben todo o contrario. E máis aínda cando se trata dunha iniciativa de formación académica para persoas que no futuro, de xeito inevitable, van ter que estar en permamente contacto co galego, o queiran ou non.
É o caso dunha boa parte dos estudantes que acoden ás academias Cefiasa (grupo Adams), que opera na nosa terra dende diversas cidades (Coruña, Vigo Ourense, Santiago e Ferrol) ofrecendo servizos de formación para opositores ás administracións e unha web actualizada a cotío que serve incluso como aula virtual.
Segundo nos lembra estes días a CiberIrmandade da Fala, absolutamente todos os elementos desa web figuran en castelán, polo que o colectivo convida ós internautas galegos a facerlle chegar ó devandito grupo unha solicitude para a inclusión da versión galega nos seus servizos en Internet.

PUBLICIDADE