A Catedral de Santiago lanza nova audioguía interactiva para iOS e Android

luns, 2 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Catedral de Santiago presentou hoxe unha nova ferramenta que pon o templo compostelán na vangarda da comunicación dixital. Trátase, máis en detalle, dunha nova audioguía interactiva para iOS e Android cuxa principal novidade é que vai alén das posibilidades (amplas, pero tamén limitadas) dos dispositivos tradicionais de audio a disposición que se empregan en lugares de interese turístico. Desta volta, trátase dun mapa interactivo do conxunto catedralicio que inclúe narracións, vídeos, imaxes históricas e fotografías en alta calidade, todos estes recursos, segundo se fixo saber hoxe, co nexo común de enriquecer a visita ao templo e ao Museo Catedral de Santiago.
A ferramenta foi dada a coñecer polo director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, e o responsábel do proxecto, Jaime Solano, da empresa GVAM. En palabras de Solano trátase dunha audioguía “sinxela, accesíbel, sustentábel e sensíbel”.
A nova app posibilita aos usuarios facer un percorrido polos puntos máis destacados da Catedral “de maneira autónoma”. Ofrécese polo de agora en catro linguas (español, galego, inglés e francés) e con todas as locucións subtituladas. En total, a aplicación contén máis de 200 imaxes e ao redor de 40 narracións traducidas a 4 idiomas e subtituladas na súa totalidade. Segundo fixeron saber Lorenzo e Solano, “para evitar posíbeis limitacións de conectividade dentro do monumento, a app propón a descarga dos contidos no propio terminal do usuario”. Deste xeito, explicaron, “os visitantes da Catedral só requirirán estar conectados a Internet durante o proceso inicial de configuración da visita”.
Na presentación de hoxe tamén se explicou que a través dun xestor de contidos online, a Catedral poderá ir dotando a ferramenta-audioguía de novos contidos, idiomas e recursos accesíbeis. Para iso contará co apoio de GVAM, a compañía que levou a cabo do desenvolvemento desta nova audioguía, especializada en ofertar este tipo de servizo en varios dos monumentos máis representativos de España.

PUBLICIDADE