A Cátedra Aldaba-WIB convoca un certame escolar de vídeos centrados na promoción da muller no eido TIC

xoves, 15 de xaneiro do 2026 S. P.

A Cátedra Interuniversitaria Aldaba-WIB: Women, ICT & Business, creada pola empresa Aldaba e as universidades da Coruña e Vigo, convoca a primeira edición do certame Vídeos pola Igualdade. Nel convídase ao alumnado de primeiro ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria a presentar pezas audiovisuais que contribúan a rachar os estereotipos de xénero no eido TIC (siglas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e a apostar por un futuro tecnolóxico máis igualitario.
Este I Premio da Cátedra Aldaba-WIB ao mellor vídeo en materia de promoción da participación da muller no desenvolvemento das TIC busca “axudar a espertar o interese da poboación feminina cara este ámbito tecnolóxico e profesional”.
Os traballos poderán ser presentados por calquera centro educativo situado en Galicia e deberán estar realizados por colectivos de estudantes de 1º ou 2º curso da ESO. Cada centro poderá presentar todos os traballos con distintos colectivos de estudantes que considere oportuno, sempre que cumpran cos requisitos establecidos na convocatoria.
As contribucións que se presenten deberán ser vídeos inéditos e curtos (máximo de tres minutos de duración), orientados ao seu uso en redes sociais.
O contido do vídeo debe promover a equidade entre homes e mulleres no mundo profesional e laboral das TIC (elección de estudos, acceso á tecnoloxía, uso axeitado das redes sociais, etc.). Tamén poderán abordarse temas como a análise das expectativas e dos plans de futuro das mozas en relación coas TIC e o recoñecemento dos estereotipos de xénero neste eido.
O proceso de valoración será levado a cabo por un xurado formado polas integrantes da dirección da Cátedra Aldaba-WIB. O xurado terá en conta varios criterios para a selección do vídeo gañador. Entre eles están a orixinalidade (a creatividade do enfoque utilizado e os recursos empregados, como imaxes, texto, guión, etc.) e a mensaxe (valorarase a súa relevancia e o seu reflexo da realidade existente en canto á falta de vocación feminina no ámbito TIC e a súa capacidade para fomentar esas vocacións). Tamén es puntuarán aspectos como a realización (a calidade do traballo á hora de plasmar a idea empregando o formato, as ferramentas e os recursos apropiados, así como a capacidade de síntese, dinamismo e uso da linguaxe) e a igualdade (o uso de linguaxe inclusiva e dunha perspectiva integradora).
A peza que obteña a mellor valoración será a gañadora do concurso. De forma excepcional, e no caso de producirse un empate, poderán declararse dous traballos gañadores. Todas as solicitudes deberán enviarse antes do 25 de marzo ás 23.59 horas CET. A dotación do premio é de 1000 euros, que se destinará á compra de libros e/ou material informático, a decisión do centro. Realizarase un evento de presentación do vídeo, así como de entrega formal do premio, na sede do centro galardoado, nunha data próxima ao Día Internacional das Nenas nas TIC, que se celebra o 23 de abril.