A Casa das Campás de Pontevedra acolle en abril e maio un curso sobre deseño responsive

martes, 17 de marzo do 2015 Redacción

Achegar conceptos útiles sobre deseño cen por cen adaptábel (responsive) de páxinas web ao amplo abano de dispositivos que temos ao noso alcance (móbiles, tabletas, computadores, pantallas de TV) é o gran obxectivo do curso Introdución ao deseño web responsivo con bootsrap que en abril e maio desenvolverase na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, dentro da programación de primavera da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra. O responsábel desta achega formativa será Alberto García Ariza, doutor en Belas Artes e deseñador web. O curso é de balde e terá unha duración de doce horas, desenvolvéndose na Casa das Campás de Pontevedra entre o 6 de abril e o 11 de maio.
“Hoxe en día, practicamente accedese máis a Internet desde un móbil que desde un ordenador, polo que xa non se concibe facer unha web que non estea adaptada para ser vista desde un teléfono ou desde unha tableta", salienta o profesor ao tempo que explica os porqués deste programa formativo, aberto tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral. O obxectivo é achegar ao alumnado ao mundo da maquetación responsiva e coñecer "aquelas estratexias de adaptación que nos permiten, non facelo todo desde cero, senón crear unha web que funcione con distintos deseños en función desde onde se consulte", sinala García Ariza, que engade que é recomendábel contar “cunhas nocións básicas de HTML e CSS, que serán as contornas que nos dean a base para adaptar os nosos deseños” para aproveitar ao máximo unha actividade formativa que manterá aberto o seu período de preinscrición na plataforma Bubela entre o 25 de marzo e o 1 de abril.

PUBLICIDADE