A Canon EOS M100 contará cun sensor de 24,2 Mpíxeles

martes, 29 de agosto do 2017 Marcus Fernández

As cámaras sen espello de Canon renóvanse, e así temos que a Canon EOS M10 xa ten sucesora, a Canon EOS M100, unha cámara pequena, elegante e conectada ideal para quen quere poder levar unha cámara de calidade enriba para captar imaxes espectaculares e poder compartilas rapidamente coas súas redes sociais.
A Canon EOS M100 só mide 108,2 x 67,1 x 35,1 milímetros, pesa uns 302 gramos (con batería e tarxeta de memoria incluídas), conta cun sensor CMOS de 24,2 Mpíxeles, integra unha pantalla táctil LCD de 3,2 polgadas e 1.620.000 píxeles, pode gravar vídeo Full HD a 60 cadros por segundo e está dotado con conectividade Wi-Fi/NFC e Bluetooth.
Esta nova cámara, como o resto da súa familia, buscan achegar unha experiencia de uso semellante á dun smartphone, de xeito que é doada de controlar coa súa pantalla táctil e tamén integra numerosos filtros creativos (así como os típicos efectos de suavizado de pel para favorecer a realización de selfies). Ao ter conectividade sen fíos pode empregarse coa aplicación Camera Connect, que permite transferir as imaxes captadas a un smartphone para así poder compartilas en liña e tamén o disparo remoto con visión directa remota.
A Canon EOS M100 xa está dispoñible para a súa reserva cun obxectivo EF-M 15-45mm IS STM e unha funda de base a un prezo de 629,99 euros.

PUBLICIDADE