A Cámara de Santiago fórmanos en redes sociais, mercadotecnia online e Industria 4.0

luns, 5 de outubro do 2020 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago ofrece este mes de outubro un completo menú formativo en aberto e en formato online (modalidade MOOC), co obxectivo de chegar facilitar ao máximo ao acceso aos contidos dos profesionais, dos autónomos e das empresas e facelo, ademais, en contornas o máis seguras posíbeis. As actividades, que se van desenvolver en colaboración coa Fundación INCYDE, terán o nexo común de achegar aos asistentes diferentes ferramentas e tecnoloxías de utilidade para a transformación tecnolóxica do seu día a día e das súas empresas.
Trátase de catro actividades formativas: un Obradoiro sobre marketing dixital e redes sociais para impulsar o teu negocio no eido da economía social (do 14 ao 16 de outubro), un obradoiro sobre Aplicación das redes sociais á busca activa de emprego (do 16 de outubro ao 16 de novembro), un obradoiro de Introdución á Creación de Startups (do 16 de outubro ao 16 de novembro) e unha actividade formativa sobre Emprendemento dixital na Industria 4.0 (do 16 de outubro ao 16 de novembro).

PUBLICIDADE