A Cámara de Comercio prepara cursos e xornadas sobre venda en liña e xestión das PEME

xoves, 12 de marzo do 2015 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago vén de anunciar novos cursos para os vindeiros meses, amais de xornadas profesionais de interese para os seus membros, sobre todo porque xirarán arredor de cuestións como as novas tecnoloxías, a informática aplicada á xestión, o comercio internacional e o emprendemento, temáticas que as nosas empresas deben dominar, si ou si, sempre e cando o seu reto sexa o crecemento e a competitividade. Neste senso, a entidade informa que programou xa varias xornadas que tratarán de desenvolver temas moi demandados arestora polo sector, coma a venda en liña para empresas comerciais, a xestión das pequenas e medianas empresas ou xornadas de personal shopper para incentivar as vendas.
Tamén haberá actividades formativas sobre contabilidade e fiscalidade, recursos humanos, comercio e vendas, idiomas. As beneficiarias serán as empresas dos trinta e dous concellos da demarcación cameral.
Para máis información e para ir formalizando as inscricións, recoméndase acudir ao apartado dixital específico sobre as actividades divulgativas vindeiras para os seguintes meses.

PUBLICIDADE