A Cámara de Comercio de Santiago organiza unha xornada sobre os retos das nosas empresas ante a nova eAdministración

venres, 31 de xaneiro do 2014 Redacción

Exterior do viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela celebrará o vindeiro mércores 5 de febreiro, unha xornada sobre os “retos e solucións empresariais nun contorno dixital”. Celebrarase ás 10:30 horas no salón de actos da entidade. O presidente da Cámara, Jesús Asorey, presentará esta xornada organizada en colaboración con Camerfirma, a entidade de Certificación Dixital das Cámaras de Comercio creada para dotar de seguridade ás comunicacións e operacións telemáticas realizadas no ámbito empresarial.
O coordinador da xornada e técnico de Innovación da Cámara de Santiago, Anselmo Díaz, lembra ao fío da devandita convocatoria a aprobación recente da Lei de Facturación Electrónica, normativa que formula unhas esixencias concretas para os empresarios: terán que presentar de xeito obrigatorio as facturas de forma electrónica ante a Administración. Para explicar en detalle os contidos da lei participará na xornada a interventora xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, Almudena Chacón. De seguido, intervirá o director xeral do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico- Financeira e Contable (CIXTEC), Mauro Fernández, que tentará aclarar como se deben presentar as facturas na Xunta de Galicia para que sexan aceptadas, afondando no sistema de facturación electrónica do goberno galego.
Para falar dos retos e solucións empresariais nun contorno dixital intervirá na xornada un representante de Camerfirma. Lembrar que esta entidade desenvolveu, en colaboración con Artic Soluciones e Wolters Kluwer, o recurso c-Office, unha solución que permite integrar dunha maneira “doada e intuitiva” a sinatura electrónica e o certificado dixital nos procesos de negocio da pequena e mediana empresa (PEME) e máis a súa relación coa eAdministración. “A través desta oficina privada virtual”, informa a Cámara de Comercio de Santiago, “as empresas poden centralizar a sinatura de documentos de xeito telemático, conectarse con outras empresas para facer negocios, compartir documentos ou poñelos a disposición de distintas entidades”. Deste xeito, Camerfirma garante ás PEME seguridade nas súas transaccións electrónicas.

PUBLICIDADE