A CRTVG e AMTEGA celebran un obradoiro de presentación para o desenvolvemento de proxectos innovadores

venres, 23 de novembro do 2018 Redacción

A CRTVG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), celebran o vindeiro luns na sede de San Marcos da Corporación un workshop de presentación do Mapa de Demanda Temperá dentro do proceso de Compra Pública de Innovación para a posta en marcha dunha plataforma integral de servizos e solucións baseadas en contidos dixitais interactivos.
Mar Pereira, directora de AMTEGA, e José Pereira, director de Innovación e Negocio da CRTVG, abrirán a xornada ás 10:00 horas, na que se presentarán as fichas de avance e o mapa de demanda temperá, obtidos como resultados das consultas ao mercado desenvolvidas.
A AMTEGA e a CRTVG colaboran neste proxecto de Consultas ao mercado para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais interactivos, co que se busca posicionar Galicia na vangarda do sector audiovisual a nivel internacional a través dos sectores TIC e audiovisual, grazas ao convenio asinado no mes de xullo. Segundo ese convenio, os dous organismos levan a cabo accións conxuntas de innovación tecnolóxica, como esta creación dun modelo de análise de datos relativos ás necesidades da audiencia. Deste xeito, a AMTEGA e a CRTVG están a colaborar para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo, no marco do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset.

PUBLICIDADE