A CRTVG abre parte do seu arquivo a través da web

venres, 26 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Esta semana a Televisión de Galicia cumpre 28 anos, e aproveitando o nutrido arquivo audiovisual da canle pública autonómica decidiu abrir unha pequena parte a través da Internet nun novo espazo chamado pasouoquepasou no que pódense consultar os primeiros 400 vídeos da historia recente de Galicia elaborados dende o Arquivo da CRTVG, para que os galegos podamos rememorar momentos significativos da nosa comunidade.
Este novo espazo en liña irá enriquecendo os seus contidos, esperando chegar en breve ao milleiro de documentos gráficos e sonoros, engrosando este catálogo progresivamente.
En pasouoquepasou podemos ver pezas sobre a historia do Xabarín Club, a primeira retransmisión dun partido do Deportivo na TVG en 1986, a celebración do ascenso do Compostela á Segunda División na tempada 1990-91, o primeiro día da programación da TVG, reportaxes sobre o mal das vacas tolas, a entrada en vigor do euro, unha achega á empresa Televés en 1999, a declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade, a inauguración do edificio da CRTVG, a vaga de incendios forestais no ano 2006, a marea negra tras o naufraxio do Prestige, as visitas papais a Compostela e moitos outros momentos que podemos localizar mediante un buscador ou percorrendo este arquivo a través das súas categorías.

PUBLICIDADE