A COVID-19 disparou na UVigo a reciclaxe de material informático

xoves, 8 de xullo do 2021 S. P.

José Luis Ríos, no centro, acompañado por dous dos bolseiros que o axudan no labor de reciclaxe e recuperación dos equipos

Na Universidade de Vigo proseguiu este ano, con máis razón ca nunca, unha liña de traballo que vén de antigo nos seus tres campus: as actividades para pór a punto, reciclar e doar equipos informáticos, apostando de cheo por favorecer a economía circular. A UVigo fixo balance desta liña de traballo e concluíu que a pandemia sen dúbida disparou as segundas vidas para o equipamento tecnolóxico (computadores, monitores, impresoras, escáneres e outro tipo de material).
“Non é algo novo, pero este ano foi diferente xa que ao estar os centros máis baleiros por causa da COVID-19 tivemos a oportunidade de facer estes procesos de reciclaxe a unha maior escala”, explica José Luis Ríos, técnico do SAUM para o ámbito Xurídico-Social e Humanidades. Nesta liña, desde a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo explican que os datos de recollida de RAEE (polas súas siglas Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) aumentaron de maneira considerábel este curso, pasando de 485 no 19/20 a 844 no 20/21. Destes 844 aparellos 373 son ordenadores, 216 monitores, 122 impresoras e escáneres e, o demais, é material variado.
Segundo explica Rios respecto do tipo de traballo que realiza o seu equipo, un dos procesos clave é a “volta á vida” dos equipos obsoletos ou avariados, labor que se desenvolve dende Servizos Informáticos e que consiste en ampliacións ou melloras puntuais coa finalidade de que os equipos poidan ser de utilidade a outros usuarios con requisitos menos esixentes.
No balance faise saber que este curso, só no Ámbito Xurídico Social e Humanidades, retiráronse catro toneladas de monitores vellos de tubo (CRT), que polo seu alto poder contaminante foron entregados, en colaboración coa OMA, a unha empresa autorizada para a reciclaxe dos seus compoñentes e materiais. A isto hai que engadir outros 1.200 Kg de impresoras, fotocopiadoras, televisores... que polo mesmo motivo foron retirados para a súa reciclaxe e destrución.
A maiores déuselle unha segunda vida a arredor de 200 equipos, dos que dúas terceiras partes serán entregados á OMA para a súa doazón, e outros quedarán para o préstamo á propia comunidade universitaria.
Todo este importante traballo de avaliación, xestión e recuperación foi posíbel grazas tamén aos esforzos dos bolseiros de informática, no caso concreto do ámbito Xurídico-Social un equipo formado por Manuel Puga Montero, Marco Antonio Iglesias e Vanesa Juncal, “que foron quen de levar a termo toda esta titánica labor de recuperación, de maneira excelente e co mellor ánimo”, sinalou Ríos, que estende o seu agradecemento ao persoal das conserxarías “pola súa axuda nos traslados de material”, e a Sergio Ramos, técnico da OMA.
Máis segundas vidas
A Universidade compartiu máis detalles sobre o proceso a seguir para a posta a punto dos computadores e doutros materiais. Segundo informa, cando o equipo se pode empregar de novo dentro dos Campus, búscase unha nova localización ou ponse a disposición da comunidade en forma de préstamo. Os demais trebellos son equipados con sistema operativo Linux, con ferramentas ofimáticas, de correo electrónico, navegadores axeitados, para poder doalos con posterioridade. “Deste xeito asociacións e organizacións sen ánimo de lucro, colexios, etc. poden ter de balde un equipo que cubra unhas necesidades que de outro xeito suporían un gasto que así poden evitar”, explica Ríos, quen fai fincapé que, por unha banda, minimízase a xeración de residuos e, pola outra, se potencia a reutilización dos recursos.

PUBLICIDADE