A CNMV limita a publicidade das criptomoedas

luns, 17 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe a nova Circular da CNMV sobre publicidade de criptoactivos presentados como obxecto de investimento, na que desenvolven as normas, principios e criterios aos que debe suxeitarse esta actividade publicitaria co obxectivo de que sexa veraz, comprensible, non leve a engano e detalle os riscos asociados.
A CNMV concreta que a actividade publicitaria debe someterse a un réxime de comunicación previa (de como mínimo 10 días de antelación) para comunicacións dirixidas a un mínimo de 100.000 persoas e fixa ferramentas e procedementos que se empregarán para facer efectiva a supervisión da actividade publicitaria dos criptoactivos. O resto de accións publicitarias tamén estarán suxeitas á actuación supervisora da CNMV (pero non requirirán comunicación previa), para que a Comisión poida esixir o cesamento ou a rectificación da publicidade se o considerase oportuno.
A partires de agora a publicidade de criptomoedas debe advertir de que «o investimento en criptoactivos non está regulado, pode non ser axeitado para investimentos minoristas e perderse a totalidade do importe investido», así com oinclúir ligazóns a información adicional na que se dean detalles sobre o risco do investimento. Tamén existen normas moi específicas sobre o xeito de comunicar a rendibilidade dos investimentos, buscando así evitar a promesa dunha rendibilidade esaxerada.
Esta obrigas establecidas pola CNMV serán de aplicación non só para as empresas de criptoactivos e as plataformas publicitarias, senón tamén para calquera persoa que promocione criptoactivos de xeito remunerado (ou sexa, que afectaría aos chamados influencers).
A circular publicada entrará en vigor o vindeiro 17 de febreiro.

PUBLICIDADE