A Biblioteca da Deputación da Coruña pon a disposición das familias 4.000 recursos online

venres, 27 de marzo do 2020 S. P.

A Biblioteca da Deputación da Coruña estase a consolidar estes días como un dos nosos principais recursos culturais para mitigar o encerro nos fogares: unha vía de escape da man dos libros dixitais e todo tipo de materiais complementarios. O seu Facebook é dende os comezos do estado de alarma un fervedoiro de propostas, actividades e consellos de lecer, entre os que se atopan obradoiros creativos (como o taller de plastilina de Ana Tenreiro do 23 de marzo), receitas de cociña (como as de Matilde Felpeto en O polbo e a súa cociña) ou encontros dixitais con escritoras e escritores (como a cita virtual con Ledicia Costas do mércores 25, que serviu para falar da súa exitosa novela Infamia, entre outras cuestións).
Ademais, a Biblioteca da Deputación lembrou que ten a día de hoxe 4.000 recursos á disposición da comunidade internauta, entre libros, audiolibros, material de prensa, revistas, contidos educativos e recursos lingüísticos. Para ter acceso a todo isto, só se require unha alta no correo biblioteca.info@dacoruna.gal.
Así definen o seu labor anti-pandemia dende a Biblioteca: “A cultura é un dereito, pero aínda máis nestes días nos que todos estamos confinados sen máis recursos que os accesíbeis desde os nosos fogares, por iso queremos ser unha ventá aberta á lectura para toda Galicia”.
Por esta razón, e “como medida excepcional namentres dure o estado de alarma”, permítense as altas da maneira máis sinxela: enviando unha solicitude cuberta ao enderezo de correo biblioteca.info@dacoruna.gal. Isto poranos ao alcance da man a completa biblioteca dixital EbiblioDaCoruna, con máis de 4.000 recursos de balde, así como a todas as actividades do Club de Lectura Virtual da Biblioteca da Deputación (lectura e comentario de libros, encontros con escritores, recomendacións doutros participantes, celebración de días especiais como o Día da Poesía…).

PUBLICIDADE