A Biblioteca Nodal de Lugo comeza a emprestar eReaders aos seus usuarios

luns, 7 de maio do 2012 Redacción

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, na Biblioteca Nodal de LugoA delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, asistiu hoxe á inauguración do servizo de préstamo de eReaders na Biblioteca Nodal, que permite aos usuarios do servizo levar ao seu domicilio un lector de libros electrónicos coma se fose un libro convencional, coa vantaxe de que pode empregarse para descargar outros títulos ou mesmo acceder a documentos persoais durante o tempo do préstamo.
Arias, quen estivo acompañada polo xefe do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Delegación, José Carlos Rodríguez Andina, e a directora da biblioteca, Marisol González Regal, destacou a importancia deste novo paso da Biblioteca na introdución das TIC (o centro xa emprestaba ordenadores para a súa utilización nas súas salas) pois “a irrupción do libro electrónico é imparable, e totalmente compatible co goce do libro tradicional”.
A Biblioteca Nodal de Lugo dispón de 39 dispositivos de lectura, dos que 34 poderanse prestar a domicilio e os 5 restantes estarán destinados á consulta en sala. Cada eReader inclúe 957 obras da literatura universal precargadas, e os períodos de préstamo serán de 15 días renovables por outros 15.

A directora da Biblioteca Nodal recibiu a José Carlos Rodríguez Andina e a Raquel Arias para amosarlles o novo servizo de préstamo de eReaders