A Barcelona de Wheelman, recollida nun curioso vídeo

venres, 3 de abril do 2009 Marcus Fernández


Demostración de que en Wheelman a imaxe que se dá de Barcelona é bastante curiosa

Deixando de lado a polémica levantada polo Concello de Barcelona ao buscar a prohibición do xogo Wheelman por estar ambientado na súa cidade, este xogo de Midway protagonizado e producido por Vin Diesel leva pouco máis dunha semana nas tendas españolas, polo que moitos usuarios puideron padecer os seus distintos erros, aínda que o máis rechamante para calquera español é a súa dobraxe, xa que os cidadáns da cidade teñen acentos neutros, ou sexa, lonxe dos que terían cataláns ou españois, polo que repetiríase o tópico de que en España falamos igual que en México.
Pero os tópicos non quedan aí, e están a dar moito xogo na Internet, pois cando os usuarios esquecen a indignación de verse tan mal retratados, comezan a verlle a súa graza, e o blogueiro DanteNeverDies recompilou nun único vídeo unha chea de curiosidades que poden facer escachar coa risa a calquera: xente comentado que «será unha marabilla ter un Papa catalán», unha moza queixándose de que un quiosqueiro «como non queda ningún Mundo Deportivo, vai e intenta venderme o Marca», nas radios sona música flamenca, celébranse espectáculos de salsa, hai lixo polas rúas, a xente laiase da súa miseria económica («parece que non vou comer hoxe outra vez»), os vehículos nas rúas son de fabricación de hai décadas (e de modelos dificilmente recoñecibles)… aínda que como curiosidade, os mossos d’esquadra falan catalán pola megafonía cando perseguen ao noso personaxe. A vista de todo iso, a concelleira de Educación de Barcelona, en vez de protestar porque no xogo se empregue a súa cidade como escenario de actividades violentas, podería criticar outras cousas, xa que a aparición de elementos identificativos da cidade (as Ramblas, a Sagrada Familia, a Praza de España, a Praza de Cataluña…) xunto coas curiosidades mencionadas si que dan unha mala imaxe do que debería ser unha metrópole moderna.

PUBLICIDADE