A BBC Three abandona as ondas para centrarse na Rede
martes, 16 de febreiro do 2016
Non só o diario The Independent deixa o papel para centrarse na Rede, senón que
no Reino Unido hai outros medios tradicionais que atrévense a dar o mesmo paso
como a canle televisiva BBC Three,
orientada a un público mozo, que hoxe cesa as súas
emisións atendendo ao traslado das audiencias á que vai dirixida á Rede e
cedendo ante a súa demanda de contidos que non dependan dunha grella horaria,
de xeito que agora os seus contidos consumiranse a través do iPlayer
(reprodutor multimedia da BBC dispoñible para numerosos dispositivos).
Dicimos así adeus á canle que veu nacer series como Little Britain ou Torchwood,
que conseguiu grande popularidade entre os menores de 25 anos, entre os que
acumula 925.000 espectadores que perden agora un espazo na televisión
tradicional, o que pode verse como un desprezo pola mocidade ou como a
preparación da televisión do futuro. De feito, existe unha campaña en Change.org
con máis de 303 mil asinantes contra o peche da BBC Three, pois consideran
que a televisión tradicional perde o sentido sen esta canle.
Dende a BBC insisten en que a canle non morre, senón que só muda de plataforma,
e incluso aseguran que están
a recrutar a novos talentos para crear contidos que poidan facilitar a
creación de contidos para as novas audiencias. Conseguirán sentar os alicerces
da televisión do futuro ou estaremos simplemente ante o peche disimulado dunha
canle televisiva?