A Axencia de Colocación de Santiago envorca esforzos na formación TIC

mércores, 22 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Ábrese o abano de formación TIC en Compostela. Segundo informou hoxe o Concello, a Axenca Local de Colocación vai organizar a segunda e a terceira edición do obradoiro Progresa dixitalmente, en colaboración cos responsábeis da rede social Facebook, un instrumento de primeira orde para dúas tarefas ben definidas: tanto para procurarmos un posto de traballo como para mellorar o noso currículo.
Ademais, xunto coa Cámara de Comercio, a axencia pon en marcha tres novos cursos no ámbito das novas tecnoloxáis: un sobre deseño e impresión 3D, outro sobre robótica e un máis sobre programación electrónica aplicada. A inscrición pode realizarse a través da páxina web da Axencia Local de Colocación.
No que se refire a Progresa dixitalmente, realízase en colaboración con Facebook e inclúe actividades dirixidas a mozos e mozas entre 18 e 30 anos, que deben asistir cun smartphone ás sesións que se celebrarán no edificio Cersia, en San Lázaro. Estes workshops gratuítos realizaranse o 24 de maio (2ª edición), de 16:00 a 20:00 horas, e o 25 de maio (3ª edición), de 10:00 a 14:00 horas. Nas sesión realizaranse unha introdución ao pensamento de deseño (design thinking), do que tiran proveito empresas referenciais no sector como Google, Facebook, Apple, etc. Amais, daranse consellos de seguridade para identificar as vulnerabilidades web e sobre métodos para protexerse contra a suplantación en liña ou as ameazas dixitais. Finalmente, os/as asistentes coñecerán a importancia de aspectos como as ferramentas web, a experiencia de usuario/a, a optimización de busca ou a analítica web. Pola participación nesta actividade, quen participe obterá un certificado do programa Progresa dixitalmente de Facebook e recibirá de balde unha batería externa universal para o seu móbil.
Cursos de deseño, robótica e programación
A axencia engade que está aberta arestora a inscrición nos tres cursos devanditos que se imparten en colaboración coa Cámara de Comercio, lugar no que se impartirá a formación. Están dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas e son de balde.
A primeira das propostas é o Curso básico de iniciación á programación electrónica aplicada, que se impartirá entre o 3 e o 7 de xuño en horario de 9:00 a 14:00 horas. Neste obradoiro, o alumnado aprenderá a programar con linguaxes de programación visuais e adestrarase na súa integración coa electrónica para o desenvolvemento de proxectos.
Outro dos cursos realizarase do 10 ao 20 de xuño, de 9:00 a 14:00 horas. Denomínase Curso de iniciación ao deseño e impresión 3D e nel o alumnado aprenderá en que consiste a metodoloxía do deseño e o desenvolvemento de proxectos, deseñará con software 3D e utilizará tecnoloxías de impresión 3D, cada vez máis demandadas no mercado laboral.
Finalmente, Curso de iniciación á robótica con Arduino introducirá ao alumnado nos conceptos básicos da electrónica e da programación coa placa libre Arduino para a construción de sistemas robotizados con aplicación en case calquera eido profesional.

PUBLICIDADE