A Aula de Informática de Milladoiro xa ten 1.137 usuarios

luns, 13 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Aula de Informática do Milladoiro (Concello de Ames) ven de publicar a súa memoria anual do ano 2019, ou sexa, o seu balance de actividades e fitos, un informe positivo tanto dende o punto de vista das accións programadas como da veciñanza implicada nas mesmas. Segundo informa no seu informe, conseguíronse 20 novos socios e contabilizáronse 1.137 usuarias e usuarios das súas instalacións.
Ademais, 122 persoas asistiron a algunha das xornadas ou obradoiros que desenvolve a aula trimestralmente, o que “supón un aumento do número de persoas asistentes ás actividades, en concreto, 30 máis ca no ano 2018”, engadiu o Concello, que lembrou os días pasados que xa se pode consultar o programa de actividades formativas da Aula para este ano que comeza.
Dende 2003
A Aula de Informática do Milladoiro nace no ano 2003 co obxectivo de ofrecer á veciñanza un espazo formativo aberto que poida ser empregado por calquera persoa empadroada no Concello. Ademais, imparte diferentes xornadas, actividades e obradoiros relacionados ca informática, destinados a diferentes sectores de poboación.
Durante os horarios de apertura, que son de luns a xoves de 16.00 a 20.00 horas e os venres de 9.30 a 13.30 horas, os usuarios e usuarias poden facer traballos persoais, crear e/ou consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar, buscar información, practicar o aprendido nos cursos...
Por outra banda, a Aula ten un programa estábel de actividades relacionadas ca informática, Internet e mecanografía, convocadas de maneira trimestral (agás nos meses de agosto a setembro, que só hai horario de 10.00 a 13.00 horas).

PUBLICIDADE