A Aula Tecnolóxica de Pontevedra achéganos ao deseño responsive e á edición de contidos dixitais

mércores, 22 de febreiro do 2017 Redacción

A Aula Tecnolóxica do Campus de Pontevedra quere pornos ao día en materia de deseño “responsivo”, ou sexa, deseño con capacidade para adaptar as páxinas web a diferentes soportes e resolucións, permitindo a súa visualización en calquera circunstancia. Máis en detalle, achegar as claves do deseño de webs responsivas a través das modelos Bootstrap é o alicerce dun novo curso da devandita Aula que arrinca o 3 de marzo, de balde e en aberto. “A día de hoxe navégase máis desde o móbil que desde un ordenador, polo que unha web que non se vexa nun teléfono está perdendo a maioría do seu público”, salienta o deseñador gráfico Alberto García Ariza, responsábel de impartir este obradoiro, que, por certo, mantén aínda aberto o seu prazo de preinscrición a través da plataforma Bubela.
O único requirimento que se nos pide para participarmos no curso é ter coñecementos de linguaxes HTML e CCSS. Desenvolverase entre o 3 e o 24 de marzo fornecendo un máximo de 20 prazas. O curso estará centrado nunha das ferramentas máis habituais para dotar ás webs desa capacidade de adaptación: a ferramenta Bootsrap, en palabras de García Ariza “un conxunto de estilos e funcionalidades que podemos aplicar á nosa web”. Ao fío disto, “explicar como se poden utilizar eses estilos que xa existen e como podemos modificalos para que se adapten ao noso deseño, xa que hai moitas páxinas nas que se traballa con Bootstrap e non son todas iguais”, constitúen en palabras de García Ariza os obxectivos centrais deste curso de doce horas.
Abertas todos eles a calquera persoa interesada, a programación de actividades promovida pola Vicerreitoría para a súa Aula Tecnolóxica abrangue entre marzo e maio outros catro cursos de doce horas, que se desenvolven en catro ou seis sesións en horario de tarde. Así, entre o 7 e o 16 do vindeiro mes, chegará a quenda de iniciarse no deseño e retoque de imaxes con software libre, nunha actividade impartida polo profesor de CCSS e da Comunicación Luis Fernández, que abrirá o vindeiro luns 27 a súa inscrición.
Xa en marzo, o día 17 dará inicio a preinscrición o obradoiro Edición de vídeo con software gratuíto: Blackmagic Davinci Resolve, que impartirá entre o 27 de marzo e o 5 de abril Alfonso Merino, mentres que a partires do 23 do vindeiro mes será posible inscribirse en Introdución ao retoque fotográfico con Adobe Photoshop, unha actividade impartida tamén por García Ariza que se desenvolverá entre o 31 de marzo e o 28 de abril e dedicada á afondar “desde cero, nun curso introdutorio” nas múltiples funcionalidades dun programa “que empregan tanto deseñadores gráficos, como ilustradores ou arquitectos”.
Este programa formativo pecharase, entre o 18 de abril e o 4 de maio con Deseño dun e-Portfolio, un curso impartido polo profesor José Vicente Novegil que abrirá a súa inscrición o 4 de abril e dirixido a achegar ao alumnado unha serie de destrezas tecnolóxicas e metodolóxicas que lles permitan elabora e utilizar este dossier como expresión da súa experiencia académica e profesional.

PUBLICIDADE