A Aula TIC PEME da Universidade de Santiago organiza un curso de ERP con software libre
martes, 9 de abril do 2013
A Aula
TIC PEME da Universidade de Santiago está a preparar unha
actividade formativa de especial interese para os empresarios do
mañá. Falamos do Curso de Planificación de Recursos
Empresariais (ERP), que tomará inicio a finais deste mes de
abril e estenderase até o mes de maio. A actividade está baseada na
ferramenta de software libre Dolibarr e diríxese a todo tipo de
profesionais da nosa terra, autónomos, responsábeis de PEME, por
suposto estudantes e público particular en xeral interesado nas
ditas cuestións. O contido deste curso inclúe a instalación e
posta en marcha da aplicación Dolibarr ERP e a introdución ás
liñas de traballo que se abren ao seu abeiro: xestión dos clientes,
provedores e terceiros; administración do inventario; tratamento do
proceso comercial e xestión financeira, entre outras
funcionalidades.
Trátase dun obradoiro
eminentemente práctico, baseado en código aberto. Amais disto,
impártese en liña a través dun espazo virtual habilitado para tal
efecto, acubillándose neste espazo, cada semana, novos materiais
compostos sobre todo por vídeo-titoriais explicativos das temáticas
devanditas, “de tal xeito que cada participante deberá
revisar os materiais facilitados e completar as tarefas semanais para
comprobar cal é o grao de aproveitamento dos módulos”,
informan dende a Aula TIC. A duración temporal do curso estenderase
até as 50 horas, sendo o prezo do mesmo de 100 euros (60 euros para
estudantes da USC). Aqueles participantes que, unha vez finalizado o
curso, superasen todas as tarefas de forma satisfactoria recibirán
un certificado acreditativo da aula. Para inscribirse será necesario
enviar un correo electrónico a atpemes@usc.es indicando o nome e
apelidos da persoa interesada, así como un teléfono de contacto.