A Aula TIC PEME da USC presenta un curso sobre o emprego de Facebook como ferramenta de imaxe empresarial

venres, 16 de maio do 2014 Redacción

A Aula TIC PEMEs da Universidade de Santiago anunciou estes días que vai organizar un curso práctico sobre o emprego de Facebook como medio para potenciar a imaxe 2.0 das empresas da nosa contorna. O obxectivo, sinalan os responsábeis do departamento formativo, é axudar a que os profesionais galegos melloren as relacións cos seus clientes actuais, espertar a intención de compra de usuarios potenciais así como incrementar o número de vendas a través de descontos ou ofertas mediante o emprego da devandita rede social. O curso é de natureza práctica e cen por cen en liña.
Respecto aos contidos, inclúen entre outras cousas metodoloxías para crear e configurar unha páxina en Facebook, publicar distintos tipos de información e recomendacións básicas para que unha empresa “conecte co público 2.0”, xestionar estatísticas ou crear e avaliar anuncios dentro da propia rede social.
A actividade terá unha duración de 50 horas e celebrarase do 2 de xuño de 2014 ao 2 de xullo de 2014. O prezo ascende a 60 euros. O curso dirixido principalmente a PEME e autónomos, pero poderá acceder ao mesmo calquera persoa interesada nesta temática. Aqueles participantes que finalicen satisfactoriamente o obradoiro recibirán un diploma acreditativo da Aula TIC PEMEs da USC. Para recibir máis información ou para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico aatpemes@usc.es, incluíndo o seu nome e apelidos ou ben, encher un formulario online.

PUBLICIDADE