A Aula TIC PEME da USC amosará nun obradoiro os recursos de Facebook para empresas e autónomos
mércores, 22 de abril do 2015
A Aula
TIC PEME da Universidade de Santiago (Campus de Lugo) está a
preparar xa a segunda edición do seu Taller
Virtual sobre Facebook para pequenas e medianas empresas e para
autónomos. A actividade, sinalan os organizadores, vai dirixida
a PEME e profesionais por conta propia pero tamén a calquera persoa
interesada en aprender técnicas e conceptos sobre como tirar partido
da dita rede social en beneficio da súa iniciativa de mercado. Igual
que o resto das accións formativas da aula, trátase dun obradoiro
de vocación práctica, “un taller ao cen por cen”. Haberá
vídeos titoriais e actividades prácticas sobre a materia.
Segundo informan os
organizadores, o obxectivo é facer visíbeis perante os
participantes a rede social Facebook e as súas posibilidades de
comunicación e promoción, desenvolvendo unha relación 2.0 cos
clientes actuais que permita mellorar a calidade do servizo
emprestado e facer medrar o número de ventas.
O obradoiro celebrarase
entre o 15 de maio e 15 de xuño, aínda que as datas definitivas
están aínda por determinar. O prezo xeral do taller é de 50 euros,
pero os alumnos e ex alumnos da Universidade de Santiago disporán
dun desconto do 50% no importe da actividade. Por certo que a aula
está arestora sorteando unha praza no Facebook.