A Aula CeMIT de Ribeira achega á cidadanía unha manchea de actividades nos meses de maio e xuño

mércores, 14 de maio do 2025 S. P.

O concelleiro de Novas Tecnoloxías de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, presentou este 14 de maio o programa de actividades de formación dixital para a cidadanía previsto para os meses de maio e xuño na Aula CeMIT local, que acollerá o exame da Plataforma EMA, un curso de FEGAUS para mellorar a calidade de vida e a autonomía da xente maior, charlas sobre ciberseguridade e obradoiros sobre finanzas e banca en liña, entre outras actividades.
Exame da Plataforma EMA
Son probas que se realizan de forma presencial nas aulas CeMIT, exclusivas para as persoas que terminaron os cursos de teleformación na plataforma EMA. A plataforma EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe) é un recurso de autoformación no que, a través da páxina web de seu os usuarios da rede CeMIT poden facer cursos online con dereito a diploma. Unha vez rematados os cursos (un ou máis de un), para acadar dito diploma deben facer o/os exame/s nunha Aula CeMIT o día que a Aula teña reservado para o exame da Plataforma EMA.
Entre os cursos dispoñibles, atópase Autoformación COMDIX, que é unha formación preparatoria para acadar o COMDIX nivel iniciación; e outros como: Prevención de riscos, Control parental, Seguridade Informática, Emprego do móbil, Cloud Computing, Xogos de adestramento mental, Comercio Electrónico, Edición de imaxe/audio/vídeo, Seguridade informática, LibreOffice... As persoas interesadas poden inscribirse vía web.
Luns 19 de Maio, de 10:30 a 11:30 h. - Obradoiro impartido por FEGAUS (Canal Senior) – Móvete coma un deportista
As Aula CeMIT de Ribeira e Cuntis foron elixidas, por ser as máis activas o pasado ano 2024 na celebración e difusión de seminarios e obradoiros presenciais, de entre tódalas Aulas CeMIT de Galicia. As charlas ou talleres impartidos pola federación FEGAUS (Canal Senior) están orientadas para persoas maiores de 55 anos, e co obxectivo de axudar a mellorar a calidade de vida con actividades que falan de benestar, cultura, tecnoloxía, saúde física e mental, viaxes e emprendemento sénior. As inscricións están abertas na Rede.
Venres 30 de Maio, de 11:00 a 12:30 h. - Charla sobre ciberseguridade
Iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración co CeMIT, co fin de concienciar á poboación (especialmente ás persoas maiores), sobre a relevancia da capacitación en áreas como a protección de credenciais, a navegación segura, a seguridade nos dispositivos e, en xeral, o uso responsable da tecnoloxía no día a día. As inscricións están abertas.
Neste punto, o concelleiro Suárez-Puerta informou do importante que é “concienciar á veciñanza e no caso que nos ocupa á xente maior sobre a relevancia que ten o capacitarse no ámbito das novas tecnoloxías e o que ven sendo a seguridade dos dispositivos”. Tamén fixo referencia ao aumento dos delitos informáticos.
Finanzas para todos
As actividades formativas Finanzas para todos cubrirán tres venres de sesións formativas cunha duración de 2,5 horas cada unha ata, impulsadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración co Banco de España. Teñen como obxectivo dotar á cidadanía dos coñecementos básicos e das ferramentas necesarias para manexar as súas finanzas de forma responsable e informada.
Día 1 – Venres 6 de Xuño (De 10:30 a 13:00 h.): Como está a miña saúde financeira? Como me afecta a inflación? Aprenderase a diagnosticar e planificar as finanzas persoais en tempos de incerteza. Aprenderase a xestionar o noso presuposto persoal de forma segura. (2,5h)
Día 2 – Venres 13 de Xuño (De 10:30 a 13:00 h.): Consellos prácticos sobre contas, tarxetas e outras formas electrónicas de pago. Que debo saber á hora de financiar unha compra ou asinar/renegociar unha hipoteca? (2,5 h)
Día 3 – Venres 20 de Xuño (De 10:30 a 13:00 h.): Banca en liña, comercio electrónico, Bizum. Como protexerme fronte a ciberdelincuencia e o fraude nas operacións financeiras cotiás? (2,5h)
As inscricións están xa abertas.
Mércores 18 de xuño - Probas para a certificación de Competencias Dixitais (COMDIX)
1.De 10:00 a 12:00 h. - Exame COMDIX nivel iniciación
2.De 12:00 a 14:00 h. - Exame COMDIX nivel intermedio
Xoves 19 de xuño - Probas para acadar a certificación de Competencias Dixitais (COMDIX)
1.De 10:00 a 12:00 h. - Exame COMDIX nivel intermedio
2.De 12:00 a 14:00 h. - Exame COMDIX nivel iniciación