A Área de Normalización Lingüística da UVigo aposta polas canles e contidos TIC na súa oferta de cursos

xoves, 30 de xaneiro do 2014 Redacción

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo vén de ampliar e optimizar a súa oferta de cursos en liña. Máis en detalle, trátase de oito cursos cos que o departamento sobe un novo chanzo no seu labor de mellora da calidade da lingua galega que se usa nos diferentes ámbitos da comunidade universitaria. Segundo sinala Paulo Cabral, director da ANL,“o que procuramos sobre todo é incentivar o seu uso e incrementar a seguridade”. O período de matrícula xa está aberto na plataforma Bubela e ficará operativo até o 28 de febreiro ou ata que se cubran as prazas para estes oito obradoiros.
Só un curso, o de extensión cultural destinado aos estudantes de programas de intercambio, será desenvolvido de xeito presencial. Os restantes sete, dirixidos á comunidade universitaria en xeral, teñen docencia virtual e buscan cubrir obxectivos específicos de mellora da calidade dos textos administrativos, xurídicos, académicos, de investigación ou creados especialmente para publicación en Internet. Segundo engade Cabral e reflicte a Universidade de Vigo na súa web, con esta oferta da ANL refórzase aposta do departamento pola formación virtual, unha das novidades deste curso. “Dependendo dos campus e as quendas atopámonos con que hai persoas que teñen dificultades para asistir ou non é doado xuntarmos un grupo numericamente rendible e é por isto que estamos apostando polos cursos en liña” sinala Cabral. Cada ano rexistran entre 350 e 450 persoas matriculadas nos seus obradoiros e “a previsión é superar este número” adianta o director da ANL que non dubida en afirmar que “o aumento da oferta de cursos en liña debería favorecer a matrícula de persoas que normalmente terían dificultades para asistir en determinados períodos a unha aula”.

PUBLICIDADE