A Administración de Asistencia Dixital Integral de Vigo atenderá un terzo da poboación española

xoves, 25 de marzo do 2021 S. P.

O proxecto para converter a Vigo na sede da Administración de Asistencia Dixital Integral, iniciativa da que falamos polo miúdo hai unha semanas dende Código Cero (destacando o importante papel que vai xogar a cidade galega en materia de eAdministración estatal), vén de dar novos avances. Este 23 de marzo, o alcalde Abel Caballero mantivo un encontro coa delegada especial da Axencia Tributaria en Galicia, Imelda Capote, para avanzar na procura dunha sede para o establecemento do organismo que prestará servizos de información e asistencia por medios electrónicos.
Na reunión estiveron presentes tamén Olga Bobadilla, delegada da Axencia Tributaria de Vigo, o delegado de Zona Franca en Vigo, David Regades, e a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride.
Segundo fixo saber o rexedor, “este proxecto representa un gran avance e a primeira vez que Vigo ten un servizo dunha administración que depende directamente do Ministerio de Facenda e de ningún órgano intermedio. Isto colócanos nun chanzo. Por iso quedo agradecerlle moito á ministra de Facenda a designación da nosa cidade para ser un dos tres lugares de España con Axencia Dixital Integral”.
A previsión é que este servizo da Administración de Asistencia Integral Dixital de Vigo estea en funcionamento no mes de novembro, previa instalación do funcionariado que conformará o organismo, de máis de 90 profesionais de alto nivel, que atenderán non soamente á poboación galega senón a “unha parte enteira de España, a un terzo da España desde Vigo”.
Segundo expuxo o rexedor, España contará con tres oficinas desta axencia: unha en Vigo, outra en Valencia e unha terceira que se abrirá en Andalucía e que estarán centralizadas desde Madrid. Prestarán dixitalmente atención á cidadanía relacionada con cuestións de facenda: censo, IRPF, IVA...

PUBLICIDADE