A Administración autonómica migrará a software libre preto de 1.000 computadores

mércores, 30 de abril do 2014 Redacción

AMTEGA e os axentes galegos da divulgación do software libre acordaron organizar múltiples actividades de impulso á programación aberta

O espírito da programación aberta semella que se vai fortalecendo entre as administracións. Así o vén de certificar o Goberno galego, que anunciou este mércores que migrará a software libre ofimático aberto preto de 1.000 computadores. Este proceso, a desenvolver no último trimestre deste ano, foi dado a coñecer pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, logo de formalizar diversos convenios de colaboración cos axentes galegos da nosa comunidade open source. Pereira compartiu con eles as liñas de acción do Plan de Software Libre 2014, no que participan con 34 das 80 actividades previstas.
Estas actividades, polo tanto, serán en si mesmas unha adaptación do propio espírito do código aberto: virán da man de moitas plataformas e colectivos traballando ombro con ombro. Deste xeito, AMTEGA informou que colaborará unha vez máis co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas; coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); e con cinco Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia (AGUSL) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre entre a cidadanía.
As AGUSL que participan neste programa divulgativo e formativo son GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Asociación Cultural Proxecto Trasno. Os acordos asinados este mércores, cunha dotación conxunta de 140.000 euros, permitirán “a realización de actuacións que inclúen dende a elaboración de documentación, a tradución de software libre á lingua galega, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento de programas abertos en proxectos de cooperación ou solidariedade social e a implantación de ferramentas open source nas Universidades”, informa a Axencia que dirixe Mar Pereira. Por certo que a estas alianzas cómpre engadir as asinadas hai pouco por AMTEGA e o CPEIG e o CPETIG, que tamén basean o seu miolo na divulgación de código aberto.
Segundo informou a Axencia, o Plan de Acción en Software Libre 2014 recolle as 80 actuacións que durante este ano poranse en marcha para incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade, o sector empresarial e na propia administración.
Volvendo ao proceso devandito de migración a software libre de 1.000 postos de traballo de empregados públicos, engadir que tamén está programado acometer un proceso análogo no sistema de xestión da rede de bibliotecas públicas, que adoptará a solución libre Koha ILS. Tamén actualizarase a rede de portais da área de cultura e bibliotecas, empregando solucións de fontes abertas como Drupal ou Liferay. “O software libre”, engade AMTEGA, “será tamén peza clave para a implantación de solucións corporativas de intelixencia nos negocios e de xestión documental e na implantación dun repositorio institucional para a produción científica do SERGAS”. No eido educativo, informou tamén a Axencia, o proxecto Abalar “chegará este curso a 2.295 aulas de 531 centros educativos, beneficiando a preto de 50.000 alumnos que desenvolven a súa aprendizaxe con software libre”.
Pola súa parte, a Escola Galega de Administración Pública ofertará este ano un total de 1.050 prazas de formación con ferramentas de código aberto. Segundo lembrou AMTEGA, ao devandito hai que engadir que os empregados públicos poderán obter a Certificación galega de competencias dixitais en ofimática grazas ás 3.500 prazas ofertadas nas quendas libres de avaliación do Plan formativo ofimático de Galicia.
35.000 horas de formación
Segundo fixeron saber AMTEGA e os axentes colaboradores nas actividades programadas ao abeiro do Plan de Software Libre 2014, durante este ano está previsto impartir 35.000 horas de formación a través das 98 aulas da rede de CeMIT (aulas que segundo salientou a Axencia empregan o sistema operativo libre GNU/Linux). Ademais, en colaboración coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre e as Universidades celebraranse xornadas, cursos e obradoiros e elaboraranse materiais didácticos que se publicarán no Repositorio Documental de Software Libre. A Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, ademais, avaliará a viabilidade de integrar a metodoloxía e modelo de xestión integrada das aulas da rede CeMIT no equipamento informático das universidades coa intención de “reutilizar a experiencia do despregue das aulas da Xunta de Galicia cun 100% software libre”, informouse, ao tempo que se destacou que este proceso permitiría darlle unha segunda vida aos avances nos desenvolvementos de CeMIT nas Universidades e viceversa.

PUBLICIDADE