A Administración achégase aos gandeiros a través da web

venres, 22 de abril do 2011 Redacción

A Oficina Agraria Virtual (OAV), xestionada e posta en marcha pola Consellería do Medio Rural, incorporará nos vindeiros meses novas funcións que permitirán aos gandeiros evitar trámites que ata agora esixían dunha atención presencial, ademais das funcións que xa ven ofrecendo, como a identificación e rexistro dos bovinos, ovinos e cabrúns e, máis recentemente, a solicitude de permisos de queimas.
A posta en funcionamento da Oficina Agraria Virtual por parte do departamento que dirixe Samuel Juárez supón un importante avance nas relacións entre a Administración e os gandeiros. Entre as novas funcionalidades destaca a dispoñibilidade dunha lonxa virtual e a xestión dos libros de explotación, ademais os gandeiros poderán axilizar o trámite dos documentos precisos para o traslado do gando, con vistas a que nun futuro os vehículos que trasladan gando poidan facelo sen necesidade dun documento físico.
Actualmente este instrumento virtual, en combinación co Servizo de Atención Telefónica á Cidadanía (012) que ofrece a Xunta de Galicia, serve de vehículo no desenvolvemento do sistema de identificación e rexistro dos bovinos, ovinos e cabrúns. Ademais de permitir aos gandeiros realizar outras funcións como as solicitudes de duplicados de marcas auriculares, coas que os gandeiros deben repoñer as marcas de identificación que os seus animais perderan.
O servizo establecido tamén permite aos gandeiros solicitar autorizacións de traslado de animais de calquera especie, sen necesidade de desprazarse persoalmente ás Oficinas Agrarias Comarcais.


>Declaracións do director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo

PUBLICIDADE