A AMTEGA publica como software libre o seu arquetipo corporativo para o desenvolvemento de servizos web

venres, 16 de novembro do 2018 Redacción

JPEG - 271.1 KB
O equipo de AMTEGA responsábel da liberación do arquetipo corporativo

O arquetipo corporativo da axencia AMTEGA, de cuxa liberación en clave Java falamos o pasado inverno en Código Cero (salientando os importantes vieiros de re-aproveitamento deste recurso que se abrían para outras entidades e comunidades de desenvolvedores), vén de dar hoxe unha nova ración de boas novas. O motivo? Pois segundo nos conta o equipo da axencia responsábel da súa liberación en febreiro, agora o programa publícase como software libre (con licenza como tal) para o desenvolvemento de servizos web. A axencia AMTEGA habilitouno, a disposición das comunidades, no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.
Segundo explica a entidade autonómica, o gran obxectivo de ter ceibado o arquetipo é, ante todo, beneficiar aos desenvolvedores, sexan de entidades públicas, empresas ou particulares, ampliando e fortalecendo os seus propios recursos para a creación de novos servizos. O alicerce da liberación é avanzar nos principios da reautilización e do coñecemento compartido, amais de na estandarización. Por outra banda, outro dos obxectivos é facer que o traballo de liberación das novas ferramentas que xurdan a partir do programa-esqueleto de AMTEGA, “sexa moito máis áxil e sinxelo”.
A axencia tamén confirmou que se trata da segunda iniciativa desta índole que se leva a cabo dende AMTEGA, sendo a primeira a que citamos ao comezo deste texto: o ceibado do arquetipo para a materialización de aplicacións en Java Spring Web.
O código fonte posto a disposición das comunidades e particulares incorpora o esqueleto para o desenvolvemento de novos servizos web e tamén novas versións de compoñentes transversais que se empregan dentro da AMTEGA e que poden ser reutilizados en moitos casos de uso.
A axencia, poñéndonos en situación, tamén explica que o arquetipo pódese entender como un esqueleto base común para a creación de servizos web, que incorpora un alicerce firme a partir do cal é posíbel dar forma a funcionalidades máis específicas.
Este arquetipo xurde como un obxectivo interno de homoxeneizar e estandarizar todos os servizos web que se desenvolven internamente, cumprindo tamén cos estándares Java da AMTEGA, o que facilita tamén o traballo aos provedores tecnolóxicos, e fomentar tamén na comunidade o desenvolvemento e reutilización de compoñentes transversais.
A liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da AMTEGA, que elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. O Arquetipo publícase cunha licenza libre ASLv2 (Apache Software License version 2) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).

PUBLICIDADE