A AMTEGA e o CPETIG colaboran na organización da VI Xornada de Informática Xudicial

luns, 4 de abril do 2016 Redacción

A AMTEGA e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) colaborarán na celebración da VI Xornada de Informática Xudicial e Delitos informáticos, segundo se recolle no acordo asinado recentemente pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o presidente do CPETIG, Marcos Mata, a través do que a Axencia comprométese a achegar 34.000 euros para o desenvolvemento das actuación do Colexio.
Un ano máis, a Xornada porá á disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais, etc.), relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación de casos concretos. Tal e como vén ocorrendo en anteriores edicións, estas Xornadas permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir.
O convenio prevé tamén a celebración dun seminario sobre seguridade informática (para informar sobre os problemas emerxentes en seguridade, expondo distintas respostas alternativas e anticipando posibles resultados, que permitan seleccionar a resposta máis efectiva ante as ameazas de seguridade actuais) e catro seminarios de Scratch (un en cada capital de provincia, con diferentes actividades en torno a esta ferramenta informática, que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade).

PUBLICIDADE