A AELG achega un obradoiro de escritura en soportes dixitais impartido por Camilo Franco

xoves, 23 de setembro do 2021 S. P.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vai organizar unha actividade de divulgación e formación sobre tecnoloxías tecnoloxías aplicadas ao quefacer literario. Trátase do obradoiro Quedei sen papel. Escritura en soportes dixitais, impartido por Camilo Franco. Será na cidade de Pontevedra, co patrocinio e colaboración do Concello.
O taller Quedei sen papel, segundo informa a AELG, é un curso para orientarse nuns soportes que se van multiplicando por temporadas e que, lonxe de reducir os estilos, “piden xeitos diferentes para cada plataforma”. Segundo engade a asociación, a historia ten constatado que cada cambio técnico “produce alteracións artísticas”. Amais de capacitar ás escritoras e escritores sobre estes cambios presentes e futuros, o curso tamén se propón como unha oportunidade para mostrar “como dous polgares poden escribir unha novela, aínda que non sexa a gran novela en papel”.
Como dixemos, a actividade será impartida por Camilo Franco, e contará cunha sesión especial de Anna R. Figueiredo. Terá 8 sesións de tres horas cada unha. Hai 9 prazas dispoñíbeis, para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase en oficina@aelg.org.
O obradoiro desenvolverase na Aula da Escola de Escritoras-es da AELG (Seminario 8), no Pazo da Cultura de Pontevedra. As persoas participantes deben levar teléfono móbil ou tableta.
Desenvolverase o venres 1 e sábado 2; venres 8 e sábado 9; venres 15 e sábado 16; e venres 22 e sábado 23 de outubro de 2021.
Venres: de 17:00 a 20:00 h.
Sábados: de 10:30 a 13:30 h.

PUBLICIDADE