A 1ª promoción do Grao en Intelixencia Artificial da UVigo, a piques de saír ao mercado laboral

martes, 5 de maio do 2026 S. P.

Despois de catro anos, o Grao en Intelixencia Artificial que se imparte na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense graduará este mes de xuño a súa primeira promoción. Medio centenar de estudantes celebrarán o vindeiro 12 de xuño o seu acto de graduación e pasarán a incorporarse ao mercado laboral coa particularidade de formar parte da primeira xeira de titulados e tituladas en Intelixencia Artificial formados en Galicia.
Dende a UVigo explican que o Grao en Intelixencia Artificial é un grao interuniversitario que comezou a impartirse simultaneamente nas tres universidades galegas no curso 2022/2023. No caso da UVigo comezaron entón a súa formación 54 estudantes, 38 homes e 16 mulleres, que agora rematan a súa formación.
As materias dos dous primeiros cursos son comúns nas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela e en terceiro e cuarto cada unha oferta unha mención diferente, que no caso de Ourense é a de Sistemas de Información Intelixentes.
A titulación, apuntan desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática, “tivo desde o seu arranque unha alta demanda, cubrindo todos os anos as prazas ofertadas e quedando alumnado sen poder entrar”.
Desde o centro, dirixido por Arno Formella e con Lourdes Borrajo como coordinadora do Grao en Intelixencia Artificial, destacan que esta primeira promoción de Intelixencia Artificial da UVigo sae ao mercado laboral cos “coñecementos necesarios para afrontar os novos retos da intelixencia artificial como motor de automatización en todos os ámbitos pero tendo en conta as implicacións éticas e sociais da profunda transformación socioeconómica que está a sufrir a nosa sociedade”. Ao longo destes catro anos, engaden, o grao centrouse en ofrecer “a formación ampla, profunda e multidisciplinar que precisan os e as profesionais deste ámbito e que resulta necesaria para construír con éxito os servizos e aplicacións intelixentes, que están a ter un impacto tan importante nas nosas vidas a todos os niveis”.
En canto ás expectativas de empregabilidade destes egresados e egresadas, apuntan que son moi positivas, ao igual que para o outro grao que se oferta no centro, o de Enxeñaría Informática, xa que “existe actualmente unha ampla demanda de emprego tecnolóxico que seguirá medrando no futuro”.
No caso desta primeira promoción, desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática lembran ademais “o plus que supón na súa formación a especialización en Sistemas de Información Intelixentes”. Estes sistemas, detallan, “constitúen a evolución natural dos sistemas de información, integrando técnicas de procesamento de grandes volumes de datos mediante sistemas de computación distribuídos e utilizando algoritmos e estratexias de intelixencia artificial para unha xestión máis eficiente e próxima aos procesos de decisión humana”.
Sobre o perfil do alumnado desta primeira xeira de IA, desde a ESEI tamén poñen en valor a súa implicación non só no desenvolvemento da súa formación académica senón tamén a participación de moitos deles en proxectos como o equipo Auria Technologies, que se prepara para competir por segundo ano na Formula Student UK-Artificial Intelligence coas súas propostas de condución autónoma de coches eléctricos aplicando intelixencia artificial, ou en actividades como o recentemente celebrado I Torneo Robótico da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI Robotics Tournament).