8 grandes xogos de Xbox Game Studios ofértanse para unha boa causa

venres, 9 de maio do 2025 Marcus Fernández

Non son poucas as veces que temos comentado ofertas de lotes de xogos a través da iniciativa Humble Bundle que serve para achegar financiamento para entidades sen ánimo de lucro vendendo xogos a un prezo moi rebaixado permitindo ao comprador elixir o reparto da súa achega económica entre a compañía que edita os xogos, a plataforma que tramita a venda e a entidade beneficiaria.
Nesta ocasión resultan bastante curioso ver que o editor que ofrece varios dos seus xogos a un prezo reducido para contribuír a unha boa causa é Xbox Game Studios, que preparou un lote de xogos para PC por valor duns 190 euros que podemos adquirir por a partir de 9,35 euros.
Os xogos en concreto son Wasteland 3, Quantum Break, As Dusk Falls, Ori and the Will of the Wisps, Age of Empires: Definitive Edition, Broken Age, Sunset Overdrive e Battletoads, todos con grandes valoracións por parte do público, e coa posibilidade de facerse cos tres últimos para achegas superiores a 4,67 euros (pero tendo en conta o resto de xogos, compensa o pago completo para facerse cos 8 títulos).
Esta campaña busca beneficiar a Gameheads, unha iniciativa educativa con sede en Oakland (California) que emprega o deseño e desenvolvemento de videoxogos e DevOps como ferramentas para implicar, preparar e formar mozos de baixos recursos e mozos racializados de entre 15 e 24 anos da área da Baía de San Francisco. A través dun medio tan potente como familiar para a mocidade, Gameheads ofrece unha porta de entrada cara ao futuro profesional no sector tecnolóxico.
Os participantes aprenden a programar, deseñar, xestionar proxectos, traballar en equipo, liderar e crear experiencias interactivas que contan historias con impacto social e cultural. Ao tempo que desenvolven estas habilidades técnicas e creativas, moitos deles rematan os seus estudos de secundaria, acceden á universidade para cursar titulacións STEAM e prepáranse para acceder ao mundo profesional da tecnoloxía e os videoxogos.
O enfoque de Gameheads céntrase tanto no apoderamento persoal coma na transformación social, empregando os videoxogos como ferramenta de aprendizaxe e cambio.

Vídeo no que anuncian a colaboración entre Xbox Game Studios e Gameheads