3GBox, un modem 3G cunha unidade de almacenamento virtual

luns, 15 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Esta mañá Telefónica amosou no Mobile World Congress de Barcelona un prototipo do dispositivo 3GBox, un modem USB 3G compatible con HSPA + que permite velocidades de descarga de ata 21 Mbps e de subida de 5,76 Mbps e que tamén funciona coma unidade de memoria USB que en vez de gardar os contidos de xeito interno, fai uso dun sistema de almacenamento en liña de xeito transparente e cunha capacidade virtualmente ilimitada (999 Gb) apoiada por 2 Gb de memoria caché.
Actualmente os datos almacenados na unidade de memoria virtual só están dispoñibles ao conectar o 3GBox por USB, pero agárdase que cando saia ao mercado tamén poida accederse aos seus contidos vía web.
Como vén a ser habitual neste tipo de trebellos, o software a instalar no PC para o seu funcionamento instalarase automaticamente ao conectalo ao equipo.
Polo momento Telefónica non anunciou nin o prezo nin a data de lanzamento do 3GBox.

PUBLICIDADE