30º aniversario de Donkey Kong

luns, 11 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Ao xogo de Miyamoto debémoslle os personaxes de Mario e Donkey KongA pasada fin de semana (aínda que con certas discrepancias nas datas) cumpriu 30 anos un clásico do mundo dos videoxogos, Donkey Kong, popular título que veu nacer a Mario (chamado Jumpman naquel entón) e que consistía en superar unha serie de obstáculos para liberar a unha moza en apuros (Pauline) dun gorila xigante chamado Donkey Kong. Este divertido xogo tivo un éxito tal que levouno a saltar á meirande parte de plataformas de xogo dos anos 80, contando tanto con secuelas coma con clons, aínda que o máis destacable desta obra foi que servise de berce de 2 dos principais personaxes de Nintendo: Mario e Donkey Kong.
Pero Donkey Kong tamén tivo éxito por si mesmo, converténdose no meirande éxito dos salóns recreativos no seu momento, tendo unhas fortes vendas en plataformas de xogo domésticas (destacando especialmente a súa versión Game & Watch) e incluso dando pé a produtos derivados como camisetas, bonecos, libros de colorear, series de televisión (que puidemos ver nos primeiros anos da TVG) e mesmos cereais para o almorzo. Toda unha icona da cultura popular que experimentou unha curiosa transformación de inimigo de Mario a personaxe amable que vivía múltiples aventuras recollendo plátanos e evitando obstáculos en sagas tan importantes como a de Donkey Kong Country (que o ano pasado tivo unha entrega para Wii).
Este grande xogo de Shigeru Miyamoto está considerado como o primeiro uso de narración visual nun videoxogo, polas rudimentarias escenas intermedias entre as distintas fases do xogo, polo que a influencia en toda a industria do lecer electrónico é innegable.

O primeiro Donkey Kong foi un grande éxito nos salóns recreativos

PUBLICIDADE