2K Games prepara un xogo de condución para iOS

venres, 16 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O xénero de xogos de condución parece estar a adaptarse con bastante fortuna ao modelo de negocio do Free-to-Play, e tras chegar a iOS e Android o potente Real Racing 3 e estar a ultimarse o lanzamento de Ridge Racer Driftopia, dende 2K Games anuncian que están a desenvolver con Lucid Games o título 2K Drive, que estará dispoñible no outono para iPhone e iPad e que non só chegará con múltiples licenzas de calidade e coches orixinais, senón que conta cunha magnífica carta de presentación, posto que o estudio Lucid Games está formado por algúns dos creadores de Blur e Project Gotham Racing.

2K Drive non se limita a carreiras en circuítos

O xogo contará con variedade modos de condución, tanto para un xogador como para varios xogadores, incluíndo carreiras en circuítos, piques, condución na rúa, condución fóra de pista e máis de 25 mini-xogos. 2K Drive busca chegar a afeccionados aos xogos de condución de todos os niveis, e tamén contará con opcións de personalización.
Este xogo móbil estrearase con máis de 25 coches licenciados de marcas como Fiat, Ford, Mazda, McLaren ou Nissan, e para non quedar só nun xogo, tamén achegará información do mundo do motor dende a propia aplicación, permitindo que os xogadores vexan vídeos, galerías de imaxes e novas de publicacións como Car & Driver ou Road & Track, e numerosos blogs populares.


Trailer de presentación de 2K Drive

PUBLICIDADE