25 novos centros docentes incorpóranse á comunidade de Biblioteca Creativa

luns, 7 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A Consellería de Educación publicou este 7 de outubro a relación dos novos centros que se incorporan ao programa Biblioteca Creativa, en concreto 25 centros. Deste xeito, un total de 79 escolas de infantil e primaria da nosa terra estarán adheridas ao longo do curso 2019/20 a esta iniciativa, que ten como finalidade estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación.
Segundo informa Educación, as dúas ducias de centros públicos acabados de incorporar recibirán os materiais precisos para a construción dun mínimo de catro Escornabots (robots galegos construídos sobre o hardware libre Arduino, a plataforma de enxeños intelixentes máis estendida a nivel docente e profesional), así como outros materiais tecnolóxicos de apoio. Educación salienta que a presenza dos Escornabots e as ligazóns destes con Arduino facilitarán a colaboración coa ampla comunidade de usuarios e desenvolvedores vencellados á placa libre, fornecedora dunha inxente base de documentación que ten un elevado potencial para os proxectos que se realicen nas bibliotecas. E todo isto, engade a Consellería, co engadido extra de tratarse tecnoloxías libres (o software, o hardware e o deseño do Escornabot).
O programa realízase en colaboración cos integrantes do proxecto Escornabot, integrado en Bricolabs, asociación de fomento de investigación en tecnoloxías libres.
Os centros que se suman este curso ao programa son os seguintes: CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña), CEIP Plurilingüe Graxal (Cambre), o CEIP da Barqueira (Cerdido), o CEIP Sofía Casanova (Culleredo), o CEIP de Pazos (Ferrol), o CPI Virxe da Cela (Monfero), o CEIP Juana de Vega (Oleiros), o CRA de Rianxo (Rianxo), o CEIP Lamas de Abade (Santiago), o CEIP Labarta Pose (Zas), o CPI Luís Diaz Moreno (Baralla), o CEIP de Foz número 1 (Foz), o CEP Luís Tobío (Viveiro), o CEIP Vistahermosa (Ourense), CEIP Plurilingüe Montemogos (Bueu), o CEIP Antonio Palacios (Porriño), o CEIP Plurilingüe da Ribeira (Porriño), o CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), o CRA María Zambrano (O Rosal), o CEIP Alfonso Rodríguez Castelao (Vigo), o CEIP Escultor Acuña (Vigo), o CEIP O Sello (Vigo), o CEIP Seis do Nadal (Vigo), o CEIP Virxe do Rocío (Vigo), e o CEIP de Cerdeiriñas (Vila de Cruces).
Continuación
Pola súa banda os 54 centros que renovan a súa participación recibirán unha asignación para ampliar o proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo ao abeiro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou ben a través da formación do alumnado con obradoiros de creación audiovisual ou outros ámbitos.
Plan LÍA
Biblioteca Creativa é un programa enmarcado no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares da Consellería, que ten entre os seus obxectivos facilitar recursos e oportunidades para a incorporación de metodoloxías activas e para a integración nos centros das tecnoloxías emerxentes. Neste sentido, un dos desafíos do Plan é “o de crear nas bibliotecas un centro creativo de aprendizaxes no que o alumnado poda experimentar e investigar con todo tipo de ferramentas e recursos”.

PUBLICIDADE