25 anos despois da súa estrea en papel, volve (agora na Rede) A Voz de Vilalba

venres, 29 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

A Rede pode ser moitas cousas, unha parte delas nunca antes vistas, pero tamén pode adoptar en ocasións a feitura dun papel vello. Ou mellor aínda: a feitura dun papel vello recuperado e posto ó día. Algo disto -dun labor de rehabilitación histórica e de conservación- hai no novo proxecto web galego do que imos falar: avozdevilalba.com. Trátase dun espazo web que, como indica o seu nome, está encamiñado a ofrecer información en liña e para o mundo sobre a vila chairega e –tamén- a continuar no dixital a liña deixada polo xornal en papel A Voz de Vilalba entre os anos 1983 e 1986.
O caso é que se trata dunha refundación, coincidindo co 25 aniversario da súa saída en formato tradicional de mans de tres rapaces da dita localidade, e coincidindo amais co xurdimento de El Eco de Villalba, o primeiro xornal da vila fundado en 1908 por Manuel Mato Vizoso.
Segundo indican agora os tres responsables das dúas vidas de A Voz de Vilalba (Moncho Paz, Paulo Naseiro e Mario Paz), a publicación pode consultarse a maiores con feitura de blog e, ó longo de 2008, de novo en formato tradicional, nun número especial en papel que contará con entrevistas a destacados veciños da localidade e con artigos de opinión e novas de actualidade.
Volvendo á avozdevilalba.com, dicir que segue un pouco a liña dos xornais en papel cos que todos fomos medrando, pero procurando tirarlle partido ós nosos recursos tecnolóxicos. Ou sexa, facendo o posible para que o labor de recuperación non se limite á fachada. Así, inclúe foros sobre a vida política, educativa e social de Vilalba (encamiñados, sinalan os seus responsables, a fomentar e reforzar a liberdade de opinión), posibilidade de deixar comentarios sobre todo o que se publica ou ligazóns activas e actualizadas a outros medios galegos.
Polo que respecta ós contidos mesmos, estes días A Voz está a tratar un tema que nos toca de preto: a consecución do “.gal” para a nosa terra, un dominio propio que axudaría a reforzar a nosa identidade na Rede e, tamén, a reforzar a nosa presenza mesma na Internet. Por certo que tamén atopamos un foro sobre unha das cuestións que máis preocupan ós galegos e galegas e que atinxe, con maiores ou menores diferenzas, a toda a sociedade e a todos os concellos: o feísmo e a problemática urbanística. Para os responsables de A Voz de Vilalba, é importante que esta web se convirta tamén nunha fronte de loita e de denuncia.

PUBLICIDADE