24joyas.com fai reconto da súa experiencia como primeiro servizo en liña de reparación de reloxos

mércores, 26 de decembro do 2012 Redacción

Luís Míguez, traballando no obradoiro de seu

24joyas.com, o servizo galego de reparación de xoias con seguimento en liña, en tempo real, remata o ano facendo reconto dos froitos e a experiencia acumulada ao longo do seu tempo de vida, un tempo que lle serviu para amosar na Rede o miolo da súa actividade e demostrar que, malia que semelle que todo está inventando, aínda hai moito que innovar. Neste caso concreto, a base sobre a que se traballou foi a dun clásico obradoiro de reloxería tradicional, remodelado para convertelo no que case con toda probabilidade é o primeiro servizo de reparación de reloxos a través de Internet. 24joyas.com achega servizos completos de arranxe (revisións de máquinas, pilas e hermetismos, cristais, correas, accesorios e venda), recollida, seguimento do proceso e entrega. Así, a través da introdución dun código na sección taller da páxina web, é posíbel controlar o estado do traballo en calquera intre, tal e como se estivéramos alí, pero coa vantaxe de non amolar aos traballadores.
Segundo nos conta José Luis Míguez Cristóbal, director do servizo (e reloxeiro dende hai máis de dúas décadas), a súa andaina na Rede remóntase a hai máis de 10 anos, creando novas canles de venda e solucións para os seus clientes, e todo apostando pola “competitividade, a boa reputación na Internet e o aval das primeiras marcas do mercado”. De seguido, reproducimos unha entrevista mantida entre o propio José Luis e mailos nosos compañeiros da axencia e estudo de deseño DobreClic. Ao xuízo do responsábel de 24Joyas, non hai razón para non estar na Rede: o servizo é o mesmo, só que se optimizan recursos e se aforran custes.
-Que é 24Joyas?
-Somos unha tenda e taller multimarca das principais firmas de xoiería e reloxería, comezamos dando soporte a xoierías de A Coruña e a través da formación continua e da competitividade e paixón polo traballo diario crecemos ata dar soporte ás principais tendas de Galicia a través da Internet con un servizo transparente e certificado nas principais marcas de reloxos do mercado. Recentemente o noso taller converteuse en Centro de Servizo Certificado Omega, Longines e Rado que en este momento son un referente de calidade e esixencia nos procesos e métodos de reparación. Dende o inicio a nosa vocación de taller multimarca permitiunos ser moi competitivos en prezos e actualmente reparamos máis de 7,000 reloxos ao ano de tódalas principais firmas.
-Por que proporciona servizos a través da Internet?
-Por que non? O servizo é o mesmo, simplemente optimízanse procesos e afórranse custes. O cliente debía acudir á súa xoiería/reloxería ou ao servizo oficial da marca para reparar o seu reloxo ou xoia, debería desprazarse 2 veces; 24Joyas.com ocúpase da recollida e entrega no seu domicilio ou oficina, ademais pode comprobar o estado da súa reparación co código de seguimento e o feito de ser un taller independente permítenos ser moi competitivos nos custos. É un servizo rápido, fiable e moi cómodo.
-Foi difícil introducir a súa empresa na Rede?
-Os inicios son complicados, requiren moitos esforzos pero realmente comezar un negocio na Internet é moi semellante a facelo offline, simplemente debes ser un bo comerciante, cometer moitos erros e reaccionar pronto. O mitificado boom das empresas na Internet é un caso excepcional, a maioría das tendas online que triunfan forxáronse a través do traballo diario e de un bo servizo aos clientes.
-Que vantaxes obtivo para a súa empresa na Rede?
-Axilizar e mellorar os procesos aforrándonos moitos crebadeiros de cabeza e mellorar ostensiblemente os nosos resultados en vendas e reparacións, en definitiva, a nosa empresa medrou e fixo para mellor. A través da tenda online conseguimos mellorar as nosas vendas e xestionar os pedidos e o stock de unha maneira integrada e moi sinxela. Co servizo de reparación en liña creamos unha nova canle de negocio e accedemos a un mercado moito máis amplo. E co traballo en formación, documentación, promoción, blog, redes sociais logramos dar prestixio e afianzar a nosa marca. Resulta difícil que un cliente che envíe un reloxo de valor se non existe una marca con boa reputación en liña, con certificados de calidade e con un gran traballo en asistencia ao cliente.
-Que investimento realizou?
-Contratamos a un programador que desenvolveu a tenda e o programa de xestión interno de pezas e a un xestor de contidos ocupado de crear artigos, documentando o noso traballo e facendo máis doado atoparnos a través de Google, de informar aos nosos clientes nas redes sociais e no blog (community manager); a xestión de pedidos e almacén asumiuna a nosa administrativa, o seu traballo medrou. Polo que o investimento foi contratar a dúas persoas e mercar o software preciso para desenvolver o proxecto, o cal comezouse a rendibilizar a partir do sexto mes.
-E cando todo o mundo se pase á Internet, vostedes que farán?
-Seguir innovando. Aproveitar a experiencia acumulada e nun contorno máis afeito ao uso das novas tecnoloxías chegaremos aínda mellor aos clientes potenciais máis receptivos.

PUBLICIDADE