Dezasete millóns de euros en axudas á dixitalización para pemes e autónomos

luns, 21 de xuño do 2021 S. P.

Os autónomos e as pemes da nosa terra poderán acceder, este mes de xuño, ás importantes axudas á dixitalización que vén de convocar o Goberno galego, e que suman unha contía total de 17 millóns de euros.
Por unha banda, ata o 1 de xullo, os interesados poden solicitar os apoios para a transformación tecnolóxica e tamén a súa participación nos obradoiros vinculados a esta temática, liñas ás que se destinan 7,4M€. No caso concreto da nova edición destas subvencións, o Goberno galego (Consellería de Economía) salienta que inclúe un incremento das axudas ata o 70% no caso das pequenas e medianas empresas dos sectores téxtil e moda, a automoción e a industria auxiliar do naval. O aumento será do 50% nos investimentos realizados no resto de pemes de calquera ámbito produtivo.
Co-financiados polos fondos FEDER, os proxectos apoiados poderán ser tanto individuais como realizados en colaboración a través de agrupacións de empresas. No primeiro caso, poden destinarse ao desenvolvemento de interfaces dixitais ou á implantación de solucións xa existentes para as interaccións con clientes e provedores; a posta en marcha de sistemas de Intelixencia Artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados e ciberseguridade; ou a implementación de sistemas para a dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral.
Esta liña compleméntase cos apoios á realización de actividades formativas e capacitadoras organizadas por clústeres e colectivos empresariais, nos que se crean espazos de colaboración entre pemes para explorar solucións tecnolóxicas e a integración e posta en marcha de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos. Estes espazos dispoñen do financiamento do 100%.
Por outra banda, a Xunta tamén lembra que o programa Galicia Exporta Dixital, ao que se destinan 6M€, pecha o seu prazo o 30 de xuño. A finalidade desta liña é “permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización dando resposta á demanda crecente das empresas galegas para acometer os seus procesos de dixitalización internacional”.
A través deste programa, pemes e comerciantes poderán obter apoios para “a realización de diagnósticos de potencial exportador; plans de internacionalización dixital multicanle; plans de mercados electrónicos concretos; a creación e adaptación de tendas en liña e catálogos en liña para a mercadotecnia e vendas en mercados electrónicos obxectivo ou a adquisición de software específico, entre outras cuestións”. Nas dúas convocatorias xa celebradas aprobáronse 155 plans de internacionalización dixital en máis de 90 países por importe total de máis de 5,57M€, cunha mobilización de 7M€.
Por último, nos próximos días abrirase unha nova convocatoria do Cheque Dixital cun investimento de 4M€ e o obxectivo de chegar a 1.000 beneficiarios. Estes cheques teñen “como prioridade a reactivación do tecido empresarial galego a través da transformación tecnolóxica e do impulso aos procesos de dixitalización, apoiando proxectos que promovan a súa adaptación á situación creada pola pandemia sanitaria”, explica a Xunta, engadindo que as axudas cubrirán desde a habilitación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da COVID-19, ata outro tipo de melloras como a aposta por mecanismos de carteis electrónicos, sistemas de notificación en móbil, automatización de procesos regulados, ou a aplicación de solucións de conectividade e incorporación do teletraballo ou relativas á ciberseguridade.

PUBLICIDADE